Opinión

75 anos da nación supervivente

Antonte o estado de Israel fixo 75 anos. Unhas décadas máis vella é a prestixiosa Universidade Hebrea de Xerusalem comezada en 1918, e en cuxo acto inaugural, en 1925 ditou a primeira clase Albert Einstein, un dos integrantes do primeiro consello de reitores, xunto con Sigmon Freud e outro par de figuras. E en 1912, fundaran xa en Haifa o Techion, Instituto Tecnolóxico de Israel, de inmensa vitalidade hoxe. Era a época do Imperio otomano e ao Sultán interésalle atraer talento e investimentos para esa zona pobre e de hábitat hostil, polo que non se opón á política de asentamento no territorio de xudeus que compran terras ao Estado, líderes locais, ou particulares. As compras, a través de varias organizacións, maioritariamente de xudeus esquerdas de todo o mundo, acabarán explicando o colectivismo dos Kibutz.

E creo que a felicitación por este aniversario, cómpre vela á luz dos vellos desexos, xurdidos a raíz do caso Dreyfrus (1894-1906), un flagrante episodio de antisemitismo e falsidade no seo do exército francés. Desde os seus inicios, un xornalista austríaco, Teodoro Herzl, morto en 1904, impulsou a idea de que a solución contra a discriminación histórica era un proxecto, laico e progresista, o sionismo, que xuntase os xudeus todos do mundo nun territorio onde viviren libres. E despois de barallaren outras posibilidades decidíronse a seguir unha corrente de emigración a Palestina comezada en 1881 a raíz dos progromos nos que milleiros de xudeus foron masacrados no Imperio Ruso ao culpabilizalos do asasinato do Zar Alexandre II. Así, desde 1904 e 1914 houbo unha onda de emigración moi planificada que seguiu sobre todo cando en 1917 os ingleses fixeran a Declaración de Balfour apoiando unha patria xudía en Palestina. Logo da I Guerra Mundial, Gran Bretaña administradora do territorio tratou de manter unha posición neutral entre inmigrantes -cada vez máis numerosos desde o ascenso do nazismo- e locais. O resto é bastante sabido. Logo do holocausto, en 1947 a ONU acorda crear dous estados étnicos. Proclámase a independencia do xudeu o 14 de maio de 1948, e no momento, os países árabes lánzanse sobre Israel coa idea de borralo do mapa, seguindo ao gran muftí de Xerusalem, Al-Husayni, responsable da mantaza de Hebrón de 1929 e amigo de Hitler. Contra prognóstico, gañaron os xudeus e ampliaron o territorio o mínimo para facelo operativo e acoller así, aos centos de miles de xudeus expulsados de países árabes. Gaza pasou daquela a Exipto; e Cisxordania, a Xordania. E despois de máis de media ducia de guerras gañadas e despois de varias retiradas -Sinai, Líbano, Cisxordania, Gaza-, do asasinato do seu líder Isaac Rabín, e de todas as conversas de paz fallidas cos palestinos, seguen sendo a única democracia liberal e gladiadora -sen máis posibilidade que vencer ou morrer- da zona.

A realidade hoxe é a dun país moderno, punteiro en tecnoloxía, con alto nivel de vida, que se enfronta a varios novos retos vitais: Cómo conseguir a convivencia entre sensibilidades encontradas no medio dunha revolta civil en favor da independencia xudicial. Cómo xestionar a realidade dos cinco millóns de palestinos -entre Gaza e Cisxordania- moi empobrecidos, moi radicalizados e manipulados, despois de fracasados os intentos de paz. E a política internacional. Despois dos acordos de Abraham de 2020 cos Emiratos Árabes Unidos, Qatar e Baherim e Marrocos, no que estes países e Exipto instaban aos palestinos a volver ás negociacións, como afectará o pacto entre Irán e Arabia Saudita auspiciado por China? En fin, un mundo máis multipolar tamén abre máis oportunidades. Espero que saiban aproveitalas todos, para a paz e o progreso.

Te puede interesar