Opinión

A boa normalidade

Pois onte luns cadroume acompañar ao magnífico fotógrafo Ovidio Aldebunde por varias localizacións onde cumpría tomar imaxes que acompañarán á exposición de “De Nós a nós” en lembranza e homenaxe á xeración Nós e que se inaugurará en Santiago o día 2 de outubro e en Ourense, uns meses despois... se non se poñen as cousas máis atravesadas.

Previamente hai unhas semanas iniciamos as xestións coa Igrexa e co Concello. Tanto o alcalde, Óscar Xaime Iglesias, como o bispado, a vicaría e o párroco, don Francisco Gavilanes entenderon á primeira, loxicamente, a importancia que se abría á comunicación pública e xeral para toda Galicia do marabilloso cristo gótico de Santa Eufemia de Ambía, e que xunto co da Catedral, o de Vilanova dos Infantes e o máis descoñecido de San Salvador dos Penedos en Allariz, forman os catro pés do banco de recursos deste tema na provincia. Foron eles todo amabilidade. E para que non houbera malentendido ningún, para que soubesen eses veciños que tan amorosamente coidan da capela e do seu contido -Cristo, inscricións, ara ás ninfas- e que sería unha viaxe de ida e volta, tiveron ambos xuntos, alcalde do Bloque e párroco da católica Igrexa, unha xuntanza cos homes e mulleres de Santa Eufemia onde lles explicaron ambos o asunto e lles deron garantías de que sería un préstamo temporal. 

E meu dito meu feito; onte luns, ambos estaban alí para acompañarnos cos veciños no acto de sacarmos as fotos para preparar o catálogo e os elementos de gráfica que quedarán no lugar durante os meses de préstamo e que logo pasarán a formar parte do patrimonio permanente da entrañable capela. 

E si, esta é a boa normalidade. Todos xuntos, en bo ambiente, traballando para dar a coñecer unha xoia ourensá. O caso é que nun artigo de novembro de 1928 fálase na revista Nós da capeliña. Manuel Gómez Moreno, toda unha autoridade na arte española da primeira metade do XX -viviu cen anos e naceu en 1870-, escribe sobre a capela e, no mesmo número, X.R.F. -ou sexa Xosé Ramón Fernández (Oxea) dictum Ben-Cho-Shey-, publica foto do Cristo ó que lle falta a man dereita. E como a exposición se titula “De Nós a nós”, parecíanos moi acaído esta evolución dun Cristo estragado e unha capela descoñecida, a un Cristo restaurado e unha capela aberta ao público cunha fermosa xestión: a chave vai de casa en casa, e na porta da capela indica a de quen. Daquela ninguén lle prestaba atención, hoxe coidan da súa xoia.

En fin que neste momento de novas normalidades, e aínda que andasemos todos de mascaritas como atracadores, saboreei o que é un encontro en boa normalidade. E volvín soñar cunha ruta da Ribeira Sacra do Arnoia, na que se promocionase xunto desde Xunqueira de Espadanedo a Montederramo, desde Maceda a Baños de Molgas, desde Santa Eufemia de Ambia a Xunqueira de Idem, desde Allariz a Santa Mariña de Augas Santas e Armea, desde San Pedro da Mezquita a Vilanova das Infantes, desde Celanova a Ramirás... Toda unha liña de arte e historia ligada á última fronteira de arte consolidada nos séculos medievais. Se todas as persoas que teñen que ver coa tema tivesen a sensibilidade dos veciños e autoridades implicadas neste tema, seguro que se podería facer algo marabilloso. 

E non estaba mal empezar comprando e derrubando un par de casas modernas -en venda- que impiden a vista do ábside cadrado e das tres ventás xeminadas da marabillosa capela de Santa Eufemia. Un encontro feliz. Unha boa normalidade.

Te puede interesar