A CocaCola e a lingua

A CocaCola e a lingua

O outro día cando me fixo a amiga Xiana Cid unha entrevista para este mesmo xornal con motivo da miña escolla como Académico correspondente da RAG, -xa saben, unha división segunda ou auxiliar que é onde, loxicamente, debo estar, de estar nalgunha-  elixiu un titular no que dicía algo así como que eu comentaba que o mellor director de política lingüística sería o xefe de Cocacola. E si. Acerta Xiana ao cumprir o principio xornalístico de poñer en letras grandes algo que chame a atención para que o lector lle preste un momento de atención ao artigo. Pois xa postos, vou desenvolver o tema mentres dure a folla que teño diante. 

Pois como ben entende o lector, unha cousa é o que se di coas palabras e outra o que se quere dicir. Iso que os humanos sabemos facer -captar ironías, segundos sentidos, etc.- e que as máquinas nunca saberán facer. Cando no anuncio de Gadis a vella dille ao neno que acababa de leva unha zoupadiña ao caer da bici, iso de “Vas caer!”, non estaba vaticinando o que acontecería no futuro, senón, retranqueira, sacáballe ferro e advertíalle que tivese máis coidado. 

Así pois cando eu digo que a mellor fichaxe para a política lingüística, así, en xeral, sería algún dos xefes da Cocacoca, non estou dicindo de sacarlle o traballo ao amigo Valentín García -nada máis lonxe, creo que exerce o seu cargo ben, con dedicación, eficacia e boa cara, e fai o posible neste contexto- senón algo distinto que, vostede, amable lector, xa deduciría e que procurarei verbalizar agora.

Quero dicir que o que nos falta aos que estamos turrando da soga da lingua para mantela desta parte do mundo dos vivos, nestes tempos de globalización, é saber “atraer”, “seducir”, “crear necesidade” e “normalizar” o seu uso. Non se trata tratar de convencer aos mozos de que falen galego con pesadeces identitarias (é a lingua da nosa nación), nin de fidelidades históricas (é a lingua dos nosos devanceiros), nin ideolóxicas (é a lingua dos bos galegos) nin ningún outro traparratrá máis ou menos certo.  Os publicista de Cocacola saben ben asociar o produto a sensacións -frescura, xuventude, novidade, diversión, triunfo, beleza, dinamismo... sen improbables apelacións directas ás bondades do produto senón por a través de asociacións indirectas de imaxes e palabras. O labor dos publicistas -contratados por Cocacola, Gadis, Citroën, ou por un Goberno para promocionar algo, (condución non temeraria, usos lingüísiticos, reciclar os tetrabriks...)- é moi importante, e debe estar guiado, só, pola eficacia contrastada da mensaxe. E se pensamos que algo non vai ben, debemos cambiar as estratexias. E se non vai ben no mundo da comunicación, debemos cambiar as estratexias comunicativas. E para comunicar, hai especialistas. E a eles debemos recorrer. E cando fan ben o seu traballo, prodúcese unha fluída empatía, e pode que incluso se condicionen, inconscientemente -aí é onde hai que chegar- certas actitudes. E este condicionamento pode ser, por suposto, positivo, tipo poñer o cinto ao subir ao coche. En fin, non deben ser alleos ao éxito de Gadis, os anuncios tan simpáticos e interesantes de “vivamos como galegos”. É posible en algo de tantas susceptibilidades como a lingua, traballar técnica e profesionalmente nunha sedución expansiva? Eu creo que si. A iso me refería. Como vostedes xa entenderon, sen dúbida. Porque os que len artigos en galego ata o final, son todos, en fin,  boa xente e listiña.