Opinión

A fuxida de Sánchez

Pensei en non volver escribir de política pero calquera cousa que coute a miña liberdade moléstame, incluso as decisións propias. Por iso o ben supremo, a esencia da liberdade humana, é a capacidade de contradición. Por iso existe a palabra “acordo” pero tamén “trasacordo”. Así agora exerzo o meu dereito ao trasacordo, sempre libre se non hai afectación a terceiros. E o de cambiar de opinión recoméndollelo, pois parte da necesidade de ver as cousas desde varios puntos de vista, boa enriquecedora. A vida é evolución en liberdade.

Creo que Pedro Sánchez está errado e comprometéndonos, coa súa postura illacionista e debedora da extrema esquerda na actual guerra de Israel con Irán e as súas franquicias de Iraq, Siria, Hamás, Hizbulá e Hutis. A crítica ás accións israelís en Gaza e á actuación dos colonos israelís en Cisxordania e á permisividade oficial con eles, é sostida pola maioría dos países de Occidente que ven en Netanyahu alguén a sacar do taboleiro en canto poidan, pois, obviamente, nin el nin os dirixentes de Hamás, poden servir á causa da paz. E ninguén ten dúbidas de que cando lle pregunte ao pobo israelí tal vai decidir. Pero non podemos esquecer que o comezo da actual fase do enfrontamento, co asalto criminal de Hamás e da Yihad e demais socios, aos kibutz do sur de Israel e os milleiros de foguetes lanzados “a feito” contra Israel, están na raíz destas lamas, coñecidas e intuídas por Hamás desde antes do inicio dos ataques o 7 de outubro. Que o salvaxe asasinato de 1.200 civís israelís, o maior desde o Holocausto e a exhibición festiva dos cadáveres como trofeos de guerra quedase impune era algo fóra de lóxica. Que Netanyahu seguise o guión que lle marcaba Hamás, e respondese como respondeu, non. E se Occidente nin imaxina recoñecer hoxe unilateralmente Palestina como estado, é por varias razóns, todas moi fortes. Unha, o sufrimento inmenso dun pobo, non é fonte de organización administrativa do mundo. Sebrenika é Serbia. Dous, non existe sequera un territorio palestino, senón dous poderes ANP e Hamás enfrontados en Gaza e Cisxordania. Tres, sería, hoxe, un recoñecemento á vía violenta, sobre todo cando unha das partes, Hamás, non oculta a súa intención de acabar co outro estado, e mesmo ten reféns civís daquela acción criminal. Á parte da minucia de estar clasificada Hamás como organización terrorista pola Unión Europea. 

Á posición de España desentendéndose da seguridade do Mar Vermello, fóra da coalición occidental, súmase agora a tépeda e case neutral posición fronte ao abortado bombardeo de Irán sobre Israel. Avións de Xordania, Usa, Inglaterra, Francia, información de Baherín, Emiratos, Arabia Saudí, lograron frear o desastre. España, novamente, fóra da onda do seu mundo e aliada, obxectivamente, de Irán ou dese Hamás que mesmo felicitou a Sánchez cando visitou aquelas terras.

A actuación do actual presidente, á parte de comprometelo persoalmente -as filtracións do Pegasus, sexa vía Marrocos ou Israel, non debe ser allea ao seu comportamento- compromete ao país, pois fai que os grandes estados de Occidente desconfíen de España como aliado. O progresivo achegamento de USA a Marrocos, ou deste a Francia, non son boas novas para a valoración xeoestratéxica e estabilidade de España. Semella que a posición de debilidade interna se tratase de contrarrestar cun ousado comportamento no mundo internacional que só recolle -e xa veremos ata que punto- sorrisos de actores secundarios como Irlanda ou Noruega. Todo isto non augura nada bo. Os tecidos de alianzas son complexos e a instalación da desconfianza dun socio, a erosión máis grande. O xesto de Zapatero, sentado ao paso da bandeira de USA, non pasou desapercibido. O comportamento actual de Sánchez, tampouco. Onte Francia autorizou o traspaso de 30 avións Mirage de Abú Dabi a Marrocos. Por exemplo.

Te puede interesar