Opinión

A nova biblioteca

Opinión

A nova biblioteca

Pregúntolles aos alumnos e moitos deles, digamos que dez ou doce de cada clase dos de Bacharelato, xa foron a Biblioteca Nova. A opinión deles é, claro, positiva. Luminosa, espazosa, moderna, futurista... E eu coincido. Xa fun dúas veces e cada vez me gusta máis. O público, loxicamente, cambiou desde a localización anterior. Hai un tipo de cliente que tende a retraerse. As persoas maiores que ían dar un paseo, coller unha novela, e ao cabo dun par de días devolvela en Concello, ir á nova faíselle, e nunca mellor dito, un pouco costa arriba. Pero os rapaces son outra cousa. Ao iren ao Auditorio cos colexios un par de veces no ano, ao subiren moitos deles tamén á Escola Municipal de Música e Danza, e ao ascenderen ao Montealegre para os magostos, xa están afeitos ao camiño. Ademais son novos. Coñecen o sitio e están subindo, tamén, a costa da vida. E para as persoas maiores, creo que o ideal sería un bus pequeno, contínuo, da mañá á noite, con parada dun par de horas para xantar, con saída de detrás da Subdelegación do Goberno, subida por Bedoya, Canle e volta baixando por Emilia Pardo Bazán, Habana ata o punto de partida en Xoán XXIII. Sen paradas intermedias. Creo que cada 15 ou 20 minutos podería estar no punto de saída. Supoño que é algo tan natural que o farán. 

E vou co nome. Blanco Amor podería ser un bo, desde logo. José Angel Valente, tamén. E Valentín Lamas Carbajal, o noso grade do Rexurdimento. E Fernández Xesta, bibliotecario de cando o incendio. E Antón Tovar, por suposto. E Otero Pedrayo. E incluso, por que non, Afonso X o Sabio. Ou Risco. Todos terían moi boas razóns. A Yosi, a verdade, véxoo máis para a Escola Municipal de Música, pero en fin, tamén un trobador contemporáneo podería ter a súa defensa. Pero a opción máis razoable, creo, coas fundacións, é de de Biblioteca Nós. Xa sei, si, que pode parecer excesivo, que sempre andamos con Nós ás voltas como se non existise outra cousa. Pero cada cidade ten os seus sinais creados natural e inercialmente e asumidos como identidade popular por todos. Granada Lorca. Soria Machado. Pontevedra Filgueira. E que Ourense é o berce da xeración Nós e que logo é onde máis se mantivo o seu eco grazas ás palabras de Otero primeiro e logo de don Xoaquín Lorenzo, é unha realidade. Quen maior de trinta anos non escoitou algunha vez a don Xoaquín falando da xeración Nós? Quen de máis de 60 non se lembra de ter oído comentar pola rúa, "Aí vai Otero Pedrayo"? Quen de máis de noventa non se lembra dun señor pequeno e con fama de sabio como Vicente Risco? Quen de menos de trinta, non viu na escola, cun aquel de orgullo ourensán, a Xeración Nós? 

Ademais, o pronome Nós é a cousa máis inclusiva que hai. Nós somos nós, o noso grupo, o noso pobo, a nosa xente, Nós. E ademais, é a forma de lembrar de xeito permanente unha obra editorial aberta e colaborativa, sen que un nome tape a outro. Máis de douscentos colaboradores puxeron as súas sinaturas na letra impresa para a modernización da cultura galegas desde Ourense. Si. Este ano centenario de Nós, na que se abre a biblioteca de todos os ourensáns, de todos nós, parece lóxico que se chame así, Biblioteca Nós. E mellor que “Xeración Nós” -longo e redutor- simplemente, Nós. Biblioteca Nós. Unha sílaba, tres letras, nós.