Opinión

A nena Greta e o mundo

Aaparición nos últimos tempos como estrela mundial desa neniña sueca de discurso duro e xesto adusto, Gretta Thunberg, moveu, loxicamente, millóns de comentarios en todo o mundo. Moitos, rendidos e engaiolados pola sedución rápida de verdades simples nun discurso atractivo e dito por unha nena; outros, desconfiados ante a evidencia de que hoxe non hai lanzamento mediático casual, sen planificación ben estruturada e cos seus intereses detrás.

E poñen como exemplos a militancia dos pais en determinados movementos ambientalistas ou a rareza da viaxe en iate -Malizia II- para ir de Plymouth a Nova York. É obvio que esta nena é a punta de lanza, a parte vista dun iceberg, de algo ben máis fondo. Ela ponlle cara á preocupación polo medio ambiente, pero énos descoñecido o tecido de apoios económicos que hai por detrás, que a serven ou que se serven dela. A verdade é que min non me gusta ver nenos nin no Master Cheff. 

E aqui xorden dous temas distintos: o maltrato ao medio ambiente e o cambio climático. O feito de que a poboación do planeta estea disparada, que pasase de menos de mil millóns en 1800 a 7,8 mil millóns hoxe (medrou mil millóns desde o 2010 a hoxe) e cun nivel de consumo de recursos tamén disparado, fálanos do estrés a que temos sometida a Terra. E o cambio climático de arestora, hai que tratalo como se de nós, de cada un, dependese. Explícome.

Sabemos que ao longo da historia houbo moitos cambios climáticos non antropoxénicos; desde as glaciacións a esa Pequena Idade do Xelo que foi de comezos do século XIV a mediados do XIX, e que permitiu que houbese neves perpetuas no Rodicio, nos montes de Celanova ou en sitios hoxe inimaxinables. Hai científicos que relacionan estes cambios da temperatura coa dinámica propia do sol. En calquera caso, debemos de tratar de protexer e mellorar o medio ambiente como se todo o cambio climático dependese de nós. 

E quero ser optimista. Lembro cando Renfe botaba aceite no Miño ou cando fumegaba o vasureiro de Vilar, ou cando se consumían bolsas de plástico a esgalla, ou cando non se separaba para reciclar. Máis alá das protestas, debemos cambiar hábitos. Uns exemplos. Un, o disparate da auga embotellada que venden como ecolóxica, natural... Imaxinen. Embotellar en plástico auga en Cuenca, traer as botellas en camións fumegantes, almacenala, distribuíla...: enorme “pegada” de carbono. Fronte a iso, abres a billa e sae auga do Loña.

Dous. Compensa o prexuízo ambiental da variante externa do AVE desde Taboadela? Viaduto de 700 metros, túnel de tres quilómetros baixo Montealegre, viaduto sobre o Loña, túnel baixo Velle, 700 metros, viaduto en curva sobre as piscinas de Oira... Compensa? Desterres, camións... Canta enerxía, canta natureza se destrúe? Os ecoloxistas, calados coma petos. Os intereses sempre están aí.

Tres: o outro día, de Gondomar a Oporto o coche consumiume un 3,7 l /100. Como? Indo a menos de cen por hora. En fin, a venda de auga mineral, a variante exterior, correr nos coches... En definitiva, os cidadáns debemos ser menos permeables ao consumismo e actuar máis “de noso”. Creo.

Te puede interesar