Opinión

Acisclo Manzano

Cumpre 70 anos pero coquetea desde hai tempo coa inmortalidade. Non na forma extravertida e arrasante do seu amigo da alma e compañeiro de tantas batallas, Xaime Quessada; pero si doutro xeito máis calmo e tranquilo, do que deveu un home afable e sorrinte, como adoitan ser os bos escultores, naturalmente máis repousados que os pintores. Pensemos nos que coñecemos e veremos como é así. As causas poden ser moitas pero agora non nos imos deter neste fío que deixamos solto para turrar del noutra ocasión.

Acisclo Manzano, como saben, ten obra colgada, pousada e deitada no local da Caixanova da Praza Maior. Un auténtico repaso artístico a cincuenta anos de actividade vital. As máis vellas, dos cincuenta e tantos, son peciñas pequechas, de vulto redondo, de formas lisas e puídas que me traen ecos prehistóricos. O último, esas “mantas” que sorprenden ao visitante pola novidade de cores, formas e texturas. Os grandes torsos suaves, insinuantes, acariñables, combínanse con este novo xeito de facer a base de superficies rugosas, azuladas, combinación de xeometrías planas con vulto de caras e formas que saen nelas, texturas grosas e remates case vulcánicos. Xeometría e delicadeza, lembran vellos cobertores dos que facían as bisavoas. Paga a pena homenaxear á arte e rendirlle tributo a Acisclo deixándose caer pola exposición. E apuren, meus señores, que pecha o día 18, ou sexa o domingo que vén.

E vou cun conto. Acisclo, como saben, é un dos fundadores daquel grupo “Volter” que se refire a Risco como mestre, e o único dos tres que vive en Ourense: Xosé Luís de Dios faino en Tui coa familia e Xaime Quessada, no ceo, onde terá alborotadas as musas. Así pois, quéirao ou non, a Acisclo cádralle arestora un pouco o papel de patriarca e transmisor da memoria doutros tempos.

E vou cunha anécdota que me contou hai xa moitos anos e que me serviu para entender aos homes da Xeración Nós, mellor que con bastantes das cousas lidas. Contaba Acisclo a reacción de cada un dos tres -Risco, Otero, Cuevillas- cando lle falaban mal dun amigo. Otero seica abría a boca e afogaba o interlocutor nun mar de palabras de referencias paisaxísticas ou históricas, e arrastraba a conversa por novos cauces; sabía que non había persoa humana capaz de interrompelo. Risco, pola contra, acendía un pito, movía unha perna de xeito nervioso e case imperceptible durante un minutiño e paraba: xa acadara un estadio superior, abstraído. Pensaba no seu e nin escoitaba o que alí se dicía. Cuevillas era outra cousa. Cando oía falar mal dun amigo, erguía anoxado o bastón e azaneábao para defender coa máxima das paixóns a boa fama do vilipendiado.

Para onde non chegan as lembranzas é bonito ter memoria prestada. Neste caso de Acisclo. E eu pásolla, encantado, a vostedes. E siga a cadea.

Te puede interesar