Opinión

A afonía do galeguismo

O galeguismo, neste ano que se cumpren os corenta da morte de Otero Pedrayo, está afónico –ou rouco que poderiamos dicir falando “enxebre”-. Aínda que se cadra era máis preciso dicir que está mudo, sen voz. E non lles é tema menor.

Nos finais do século XIX e primeiro terzo do XX estendeuse pola Galicia territorial e emigrante un movemento difuso que denominamos “galeguismo” e que significaba o orgullo das nosas cousas. Desde Rosalía de Castro a Valentín Lamas Carbajal. Desde Murguía a Faustino Santalices ou o violinista Manuel Quiroga. Desde o escultor Asorey ao arquitecto Palacios. Desde o empresario Enrique Peinador ao avogado Paz Andrade. Desde o astrónomo Enrique Aller ao aviador Piñeiro. Galicia orgullosa deles e eles de Galicia. Xentes e terra, pasado e futuro. No político, uns eran conservadores, outros progresistas; uns eran centralistas, outros rexionalistas; uns federalistas, outros autonomistas e outros, nacionalistas. O orgullo botou raíces e así cando se fundaron o Celta de Vigo e o Deportivo da Coruña, ambos vestiron coas cores da bandeira galega.

Os órganos e institucións de cultura foron cambiando, pero sempre plurais. Digamos “O Tío Marcos da Portela”, a revista Nós, o Seminario de Estudos Galegos, a Coral de Ruada, Vida Gallega, o xornal Galicia, o Museo de Pontevedra; todos con xentes diversas ás que nunca se lle pediu carné ningún. Na política tiveron pouco éxito porque non eran moi doutos nela e pensaban de formas distintas. Así, na mellor elección da República, os galeguistas do PG obtiveron 3 deputados de 49. Pouca cosa daquela, realidade aumentada, hoxe.

Chegada a guerra, coma todos, deberon capear a situación. Repregáronse no que lles fora mundo primeiro, o da cultura, e abandonaron actividades daquela imposibles. Novas situacións, novas angueiras. Os que foran mocidade -Francisco del Riego, Ramón Piñeiro, Filgueira, Celso Emilio...- traballaron desde cadansúa visión, empuxando as marxes posibles. E creouse un novo movemento magmático e posibilista que tratou de impulsar calquera actividade –Centenario de Lamas, en 1949; Día das Letras, en 1963...- que contribuíse a espallar “a idea”. Tempos da imaxinación de Cunqueiro, da enxebreza de Fole, do compromiso de Celso Emilio, da fervenza de Otero, da alcaldía culta de Filgueira, do ferrete de Blanco Amor, do cosmopolitismo de Seoane...

E veu a democracia, e moitos galeguistas xuntáronse nun colectivo que se chamou “Realidade Galega”, e acordaron non revivir o defunto Partido Galeguista senón poñer ovos en todos os niños. Así, uns como Albor foron coa dereita, outros como Casares ou Piñeiro co PSOE, outros con outros. Menos no nacionalismo radical que os atacou sempre con saña, como se fosen só unha fase residual, un extinto Homo antecessor da súa superioridade evolutiva. Porén, as voces galeguistas mantivéronse claras. Filgueira foi conselleiro coa dereita, Alfredo Conde coa esquerda. Piñeiro e Casares, parlamentarios. Fixeron leis (galego no ensino, LNL, TVG...).

E logo chegou a rouqueira. O nacionalismo radical foi ocupando todo o escenario e a voz galeguista esmoreceu. Os que podían mantela, acomodáronse en cadanseu tobo e renunciaron a proxectar voces colectivas, críticas e integradoras, ou sexa, incómodas. A asimilación da “idea Galicia” coa política nacionalista radical ou co uso retórico e oficialista dos poderes, xeneralizouse. O galeguismo, a ilusión íntima e colectiva dunha Terra identificada, viva, plural e aberta, quedou sen voz. Polo menos é como eu o vexo, como eu o sinto.

Te puede interesar