Opinión

Que alguén llo compre, por favor

Necesita vostede un ático de 117 metros por 54 mil euros? Veña, anímese. Faga o favor. Non o pense moito. Parece un bo prezo. Así que, déixese de darlle tantas voltas e decídase. Lembre que cando empezou a cousa, hai un par de meses, aparecía por uns 60 mil. Logo foi baixando cada poucos días ata estes cincuenta e catro mil. Ademais, ao principio eran uns carteliños do tamaño dun posit grande escritos a man e fotocopiados. Arestora están xa feitos a ordenador e son un pouco máis pequenos. Parece a cousa máis seria. Non cambian, iso si, os seis puntos de fixación con cachiños minúsculos de cinta de carrocero.


¿Cantos carteliños destes hai pegados nas farolas e semáforos de Ourense? ¿1.000? ¿2.000? Tanto dá que vostede pasee polo Paseo como que percorra as beiras do Barbaña, como que se achegue ás Lagoas ou ao Posío. Alí están sempre. Campando, iso si, coa evolución das cantidades desexadas. 56 mil, 55 mil, 54 mil? ¿Cantas horas leva investido o vendedor en pegalos? Tantos hai que pensei nunha vinganza por un amor non correspondido. Imaxinen a maldade.


Ofrecer unha ganga e poñer o teléfono desa persoa que un desexa que molesten a todas horas.


Pero supoñamos que non, que o teimudo señor ou señora quere, de verdade, vender ese ático ?cos trasteiros incluídos, sabemos desde a última versión-. ¿Está no seu lexítimo dereito de facer propaganda dunha venda ou está ensuciando o mobiliario urbano? Eu é un tema que teño moi claro. Os elementos ou espazos públicos, e aquí tanto inclúo as paredes dunha aula dun instituto como o semáforo de Curros Enríquez coa Avenida da Habana, como elementos comúns, deben permanecer inmaculados.


O noso dereito é ao uso. A que o semáforo nos informe co seu código de cores se podemos pasar ou non, ou que a parede da aula nos acobille para que poidamos aprender en paz. E aí remata o conto. Non temos dereito a emporcalos porque o cidadán que vén a continuación nosa no paso de cebra, ou na aula, non ten porque verse asaltado por tal cantidade de información non buscada. Non quero vender ouro nin preciso clases particulares para a selectividade. E se quixese xa buscaría onde.


Desde logo non aí. Nunha farola. Un non ten dereito a facer pintadas nin a encher de carteis as fachadas das casas ou os elementos do mobiliario urbano. Si ten dereito, obviamente, a facer pintadas no salón da súa casa, e poñer pegatinas incluso no baño, na cociña ou na pantalla do televisor, se así lle presta.


Xa os supermercados teñen todos lugares para deixar mensaxes de ofertas. Xa os xornais teñen seccións de compra venda. Así que fagan o favor, deixen o mobiliario urbano en paz.


Ráspense os semáforos e faloras, píntense, e ao primeiro que pegue algo por riba, páseselle a conta.


Pero mentres, por favor, que alguén lle compre o ático dunha vez.

Te puede interesar