Opinión

Amencer, etcétera

AMENCER, ETCÉTERA

Pouco a pouco o ceo cambia de cor. As gaivotas chían coma nenos pequenos e as máis novas ensaian, satisfeitas, arriscadísimos voos entre os edificios. Ao lonxe, as luces de Bueu van quedando reducidas ás do paseo do porto, mentres que as que escalaron polo monte nos últimos anos deixan paso a manchas claras do casarío sobre a tupida vexetación duns piñeirais que, no amencer, gardan o escuro da noite. Pola parte de Pontevedra, os laranxas tamén se van abrindo camiño na inmensidade dun ceo sucado por escasísimas raias de avións que van do norte do Europa ás Canarias, posiblemente. Pasa un cargueiro dirección a Marín, lento, para non chegar antes de que o porto estale no bulicio mañanceiro. Un pesqueiro pequeno, dos poucos que resisten en Portonovo -aquí, en Sanxenxo, xa ningún--, bota redes pouco máis alá do peirao, por tras do faro vermello da fin do esporón que acubilla, durmidos, un par de barcos de Ons e unhas cantas ducias de iates de afortunados cidadáns con fortunas e preocupacións descoñecidas. Onte á tardiña saíu o de Amancio e arestora, son as sete da mañá, aínda non volveu. Iría para outra ría, seguramente.

Óense as peixeiras e os transportistas falando alto arrastrando caixas para o Mercado mentres os motores acesos das furgonetas e camións rosman graves.

Non se oen este ano, xa van dous, os grupos de rapaces e rapazas que volvían da “marcha” atoutiñantes e felices ou cando menos, ebrios; elas, moitas, cos zapatiños na man cal Cinderelas de conto.

E si. Non parece ser para tanto. As ondas seguen pero a marea baixa. Todo o mundo cumpre coa máscara e coas distancias. Incluso, na medida do posible, os rapaces, únicos sen vacinar xa. E certamente, as cifras que din de covid por estes lares sanxenxinos, se cadra se poderían matizar bastante. Imos ver. A poboación na zona, sabémolo, multiplícase por 8 no verán. En vez dos dezasete mil cincocentos habitantes censados, hai, din, nos veráns, sobre uns cento corenta mil. Daquela, as cifras de contaxios detectados parece lóxico referilas ao total da poboación de facto, pero de faceren as divisións porcentuais sobre a de iure, ou sexa sobre o censo, sairían datos hipertrofiados. Non sei se será así. En fin, cómpre coidarse un verán máis, pero hai que deixar oco á esperanza. “Se prohibe blasfemar y hablar de política”, dicían letreiros nas paredes das vellas barberías dos anos corenta e cincuenta. Se cadra deberíanse pór hoxe letreiros nos bares e restaurantes, xusto ao lado dos das “medidas” de hixiene cun “Prohíbese falar do covid”, porque unha das formas para preparase para un futuro san, á parte de tomar medidas, é non obsesionarse e tratar de facer a vida o máis normal posible.

Segue amencendo. Gustaríame ver ese lumbrigar da mañá desde o medio da ría para ver o sol saíndo por tras dos montes do Suído, de Avión, na Dorsal, ese espiñazo de montes que cruza o país de norte a sur e a cuxo pé queren morrer as serras das rías, a Groba, o Morrazo, a Barbanza...

No ceo gañan xa claros os azuis pero mantéñense os laranxas por riba de Bueu e por riba do horizonte do mar. Todo anuncia un fermoso día de praia. Dos poucos, de momento deste verán. Un bo día para estumballarse na area de Areas, unha das máis fermosas praias, que xa é dicir, desta parte do mundo e gozar cun pequeno “dolce far niente”. Si. Aquí onde vivían a felicidade da praia os nenos de Bemposta do Padre Silva, e agora señorean fermosos chalets de deseño -ánimo, ricos, quedan dous soares á venda- que conviven con outros máis vellos, inmensos ou modestos, e co enxame de bañistas, tamén ben afortunados, que damos voltas e voltas buscando onde deixar o coche. En fin, que teñan, que teñamos todos, un bo día.

Te puede interesar