Opinión

Andar á xaneira

Hai vocabulario que se forma sobre o nome dos meses: agostar, secar a herba no verán; marzal, o tempo revolto de marzo; xaneira, cantigas propias do comezo do ano, ou “andar á xaneira” que é o que fan as gatas e gatos neste tempo e que no dicionario da RAG recóllese así, ou pola forma culta, “estar en celo”. Curioso que os portugueses din “estar no cio”, porque para eles, ese celo é palabra popular que perdeu o ele do medio. E distíngueno do “zelo” que é o moito ollo, interese que se pon en algo: “Trabalhou com muito zelo no labor encomendado”, e que nós tamén lle chamamos celo e usamos igual, como a palabra “celoso” tamén co significado de moito coidado e interese no que se pon ao seu cargo. ¿E a ese desacougo que fai adoecer a algúns por desconfianza -por recelo- do que farán as parellas, como lle chamamos? Nós tamén celos -sempre plural- (e xa van tres significados para a mesma palabra) e os portugueses “ciúmes” e tamén, moito menos, “zelos”. E como todas tres veñen da mesma forma latina “zelus” palabra grega tardía que significaba ardor, interese, o uso noso de celo para as tres, ten bastante lóxica.

Te puede interesar