Opinión

Aurea de oro

O PSOE fai dimitir a Aurea Soto, e non se rían que non é de risa, por algo relacionado cun código ético. As distintas varas de medir, os distintos pesos de pesar, os distintos ollos con que mirar as persoas, xúntanse no caso. E penso no dito que di que Deus nos libre dos amigos porque dos inimigos xa nos encargamos nós. Pero no PSOE xa hai tempo que deixaron de ser amigos entre eles e son, como case todos os partidos, máquinas de producir e reproducir poder. Uns están por idea da mellor gobernanza da sociedade e outros xogando a intereses persoais. E sen exemplos, xa me entenden.En calquera caso, a Aurea, fana dimitir.

Nunca falei con ela. E na distancia sempre me pareceu do mellor que tiña a corporación. Unha profesional prestixiosa que, co afán de servizo á comunidade que caracteriza aos fillos de funcionarios esforzados e traballadores, aceptou ilusionada un reto maior. Pero valorou, creo, equivocadamente, onde se metía. Porque ao lado das propias capacidades e forzas, non contaba con ese meter paus nas rodas que adoita ser a actividade política pequeneira, ou sexa, a dominante, dos de enfronte, dos do lado, dos de aquí, dos de alá, dos titiriteiros. 

Supoño que Aurea se terá equivocado nalgunhas decisións. Está visto, agora, que non saíu ben o pacto coa señora que preiteaba pola praza de San Antonio, pois reproduciuse o tema por outro lado. Se cadra se enganou, con informes que lle daban a razón –sempre hai informes en todos os sentidos- pero non para meter cazo, senón para pasar unha páxina que ela non escribira. 

Seguramente Aurea tería dado unha magnífica concelleira de urbanismo noutra corporación ou, incluso, réxime político. Sen ter que dar conta pormenorizada de cada cousa que facía a xente que á penas entendía, e só polo simple feito –pero transcendental, claro- de ter sido elixida polos votos, aínda que, ás veces, dirixida ou manipulada por construtores en horas baixas, afeitos a ter vara alta no Concello. Creo que tamén se equivocou a oposición, a fracción á que se podería pedir sensatez, ao presentar desde o inicio unha liña de oposición excesivamente dura, case deslexitimadora. 

As coalicións postelectorais son unha posibilidade incuestionable e respectable na lei en vigor, e se funcionou mal en Ourese, non foi pola súa esencia de coalición, senón pola súa concreción e actuación. Esa excesiva dureza inicial contribuíu a crear un escenario tenso e tosco que facilitou a fractura do goberno e do seu grupo municipal, e o progresivo protagonismo dos grupos marxinais, ou sexa, das marxes do sistema. Proxectouse así unha imaxe tan negativa da corporación que, para moita xente, afecta a todos case por igual. 

En fin, Aurea non tivo un momento doce de traballo tranquilo. Ten todo para ser unha boa técnica, pero poucas calidades para ser unha boa política. Ou sexa, man esquerda, dicirlle a todos que si... e logo xa veremos; sorrirlle aos xornalistas; ser “comunal” no sentido de engatusar a uns e a outros; confraternizar cos poderosos; “entender” no sentido tradicional do mundo ladrilleiro. Creo que sen Aurea, o goberno municipal perde un grande valor e sitúase nunha situación terminal que só poderán cambiar as vindeiras eleccións de maio. E para iso, xa veremos. 

De momento, que reflexionen todos como encarar a seguinte lexislatura. Se a cara de rosa ou a cara de can.

Te puede interesar