Opinión

Banalización do extremismo

Todos temos escoitado a expresión “apoloxía do terrorismo” que cualifica o delito de facer propaganda das actividades violentas e que está castigado en todo o mundo civilizado, pois ninguén pode predicar a violencia. Moito menos usamos a palabra “banalización” que significa dar a algo a consideración de trivial, insubstancial, pouco importante, e que, creo, se cadra, máis perigosa en canto a conformadora de actitudes que a primeira. Unha é obtusa, directa e a outra é sutil, sibilina; ou sexa, máis eficaz. Se acabamos considerando máis ou menos normais cousas que non o son, estamos cruzando liña perigosas. Por exemplo, rachámonos as entrañas e dicimos que todos somos Charlie, pero banalizamos por pasiva –nin sequera lle dedicamos reflexións- os masacres de Boko Haram en Nixeria ou de Al Shabab en Somalia e Kenia. E a propósito dos crimes da yihad actual, banalízanse as diferenzas entre relixións, e escóitase que todas son igual ou potencialmente tóxicas, e lembran, de paso, a Inquisición e Galileo. Esa superficialidade é perigosísima porque anula a reflexión histórica e, así, a comprensión do presente. As relixións, como calquera obra humana, son distintas e evolucionan. Unhas veces cara adiante e outras cara atrás. E é evidente que a posición e actitude da Igrexa nos tempos medievais e nos tempos de hoxe, nada ten que ver. Entre Torquemada e o papa Francisco, non hai fíos. Entre os liberais emires da Córdoba medieval e o Estado Islámico, tampouco. Digamos que o cristianismo evolucionou nun sentido. Pero o Islam, noutro. O que non quere dicir, claro, que non haxa católicos ultramontanos –de palabra- ou islamitas progresistas, sempre apreciables aliados potenciais. Pero a evolución é a que é. E é deber noso, dos amadores do sistema democrático, non ser inxenuos e apoiar sen temor medidas para garantir que todas as ideoloxías, políticas e relixiosas, camiñen pola vía do respecto aos nosos valores.

Tamén lles estou preocupado pola banalización do extremismo interno, do discurso hiperradical dalgúns axentes. Voulles poñer un exemplo doloroso. O ancián Beiras Torrado chámalle aos xestores da sanidade pública que están promovendo un protocolo de atención cos novos medios técnicos que hai, para os enfermos da hepatite C, “asasinos”. E non quero banalizar eu as súas palabras cun “cousas do Beiras”. Non. As palabras cárgaas o demo. E que pasaría se alguén colle as cousas ao pé da letra e trata de “liberarnos” dos “asasinos” eliminándoos fisicamente? A violencia verbal é violencia e promove outras violencias peores. As cualificacións ou consignas disparatadas non se deben banalizar. “Se esto non se arregla, guerra, guerra, guerra”, escoitei non hai moito diante da Subdelegación do Goberno a uns liberados sindicais alí concentrados. Que chiste hai en invocar á guerra? A miña avoa, listísima mestra, dicía que mentres houbera unha xeración que a lembrase, seguro que non había outra. E neste mundo volátil e de intereses cruzados e complicados, cómpre ter coidado en sobreexcitar á xente. Os valores extremos son incómodos e insáns (na temperatura, no peso, na velocidade...) pero moi perigosos nas dinámicas sociais. Algo de calma cumpría. Firmeza si, disparate non.

Te puede interesar