Opinión

BBC historia e memoria

Nuns días vanse cumprir 75 anos dos comezos daqueles 83 programas nos que a BBC de Londres usou a lingua galega nas súas emisións. O 14 de abril. Varias veces lles teño falado do tema, salientando a inmensa implicación das xentes de Ourense naquel proxecto. Fíxense ata que punto que o seu organizador en Londres -Alexandro Raimúndez-, a persoa que os inaugura -Felipe Fernández Armesto, o encargado de impulsar as colaboracións en Galicia, -Leuter González Salgado-, e a persoa que máis teimou neles, promovendo a protesta pola súa supresión -Ben Cho Shey- era todos destas terras. A primeira colaboración que chegou desde Galicia foi de Otero Pedrayo, e a seguir, dos propios Ben Cho Shey, e Leuter, de Cuevillas, Vázquez Martínez, Chamoso Lamas, Celso Emilio Ferreiro... ata facer que nos vinte primeiros programas, recoñezamos a presenza de ourensáns en 13 ocasións, en cinco de ingleses, e despois, varias, tamén, de Fernández del Riego, e doutros galegos contactados desde a cidade das Burgas.

Estame dando un ataque de chauvinismo localista ou de ourensanía patriótica? Creo que nada diso. Constato datos. E por aí quero chegar, unha vez máis, á diferenza que hai entre memoria e historia. E si. E moitas veces confundimos a memoria prestada por unha persoa que admiramos coa historia dos feitos realmente acontecidos. É como se en vez de ante persoas, estivesemos ante anxos puros dotados da infalibilidade. E como a memoria é unha facultade persoal, as lembranzas supoñen sempre unha recreación máis ou menos fidedigna, con máis ou menos intencións persoais na construción do relato da vida. Unhas veces para enxalzar a uns, outras para denigrar a outros. Pero sempre é máis obxectiva canto máis lonxe está o tema evocado da implicación ou dos intereses de quen lembra. De aí, que os historiadores que traballar coa oralidade -e en Ourense hainos excelentes- saben usar as peneiras da ciencia, da comprobación do oído ou do lido, e a procura do cotexe con varias fontes. Moitas veces, sabémolo ben, a base de repetir unha historia, xa a cren os propios relatores, aínda que no comezo soubesen da súa inexactitude. E sen mala intención, ás veces. Unha vez unha vella contoume no Formigueiro, en terras de Amoeiro, como ela mesma, de nena, lle levaba o leite á moura do castro. E nos seus ollos azuis líase que dicía a súa verdade. Pero non. Nacera nela unha convicción, que eu, por suposto, non lle discutín.

En fin, como ultimamente me cadrou andar remexendo moito en documentación orixinal sobre o tema este das emisións galegas da BBC, vexo que esta realidade que lles contei no parágrafo primeiro da importancia do factor Ourense, foi velada por un dos prohomes do galeguismo a quen tanto lle temos que agradecer, como foi Paco del Riego.

Don Paco, non tampouco era anxo, era persoa. E como tal, tiña virtudes e defectos. Virtudes moitísimas pero algún defecto natural, como a vaidade, non lle era alleo. No que nos interesa aquí, é que nas súas lembranzas -publicou varios libros de memorias- tende a engrandecer o seu papel, aínda a costa de ocultar ou minisvalorar o traballo dos demais. Así fixo co caso da BBC, reducindo o rol dos ourensáns, cando os nomea, que non é sempre, a seren intermediarios entre Londres e el mesmo. E diso, nada de nada.

Espero que este 75 aniversario sirva para que se recoñeza o “factor ourensán” na creación e mantemento dos programas. E noutras moitas cousas. É de xustiza.

Te puede interesar