Opinión

A bolboretiña do día | O raio ou a radio?

Imos ver. A radio é un acurtamento de “a radiodifusión”. Así, podemos dicir “A radio en Galicia empezou en 1932 con Radio Puga” ou “A radio é un medio de difusión de masas”. Por outra banda, o radio (á parte dun elemento químico e un óso do brazo) é un acurtamento, obrigatorio en portugués, e posible tamén segundo a RAE para todo o castelán -en América é moi común- para “o radioreceptor”. E eu creo que debía recollelo o dicionario da RAG como ben fai o dicionario de Estraviz porque é forma popular e común cos irmáns do sur. Por exemplo: “A exposición dos radios vellos do Centro Ponte Vella tivo moito éxito”. Son moitas as palabras que varían de significado só co xénero. Esta cumpría engadila á lista de fin (o fin, finalidade; a fin, remate), cólera (o, enfermidade; a, cabreo), coma (o, punto entre a vida e a morte; a, signo ortográfico), e media ducia máis.

Te puede interesar