Opinión

A bolboretiña do día | Variantes diafásicas

Non todos falamos igual en todos os contextos, en todas as fases do día. Por iso falamos de variedades diafásicas, contextuais ou rexistros lingüísticos. E aí temos un rexistro moi coidado, que sería o nivel superior de lingua dentro do que se inserirían os tecnolectos, variedades especializadas nos traballos (avogado, médico, mecánico, etc.) moitas veces escuros aos demais. Pero moitas formas, por educación, son xa populares. Así, entendemos do rexistro científico, por exemplo, cefalea, cefalópodo ou cloruro sódico, aínda que no rexistro cotián, estándar diramos dor de cabeza, pulpo ou sal. E claro, non debemos mesturar. Non lle podo ir eu o domingo ao pulpeiro e dicirlle “Os fragmentos do cefalópodo compleméntemos con escasa cantidade de cloruro sódico”, porque aínda que me entendese, pensaría que era parvo ou ultrapedante. E tampouco se pode usar un rexistro descoidado, cheo de tacos, indecisións lingüísticas, insultos, sarcasmos, etc. propio de rexistros de linguaxe tabernaria, por exemplo, nunha roda de prensa nun salón de plenos dun Concello.

Te puede interesar