Opinión

Cambio de ría

Día 14 de agosto. Toca cambio de ría. Saio de Praia América ás doce. Paro en Samil. Visito exposición no Verbum. Como saben, e senón dígollelo, o Verbum é un deses espazos excesivos que se fixeron no seu día (este polo Concello vigués) sen proxecto museolóxico nin museográfico e que quedou nun contedor baleiro que se ocupa de cando en vez con exposicións temporais.

A exposición, Emporium, magnífica. Sobre a historia milenaria do porto de Vigo. Desde época prehistórica ata a cristianización. Pezas interesantísimas, montaxe excelente, discurso impecable. Se cadra peca un pouco de viguesismo excesivo, pero é sobre o porto de Vigo ao longo da historia. Poñámoslle dous peros. Un, é gratis. Dous, poucos visitantes. Contrastaba a soidade das salas coas familias que abrigadas con toallas da néboa inmisericorde do día comen nos piñeirais ao pé das ondas do mar de Samil. Parece que lle cumpría mellor promoción. Tempo haberá porque durará ata ben entrado o 2017. E o da gratuidade, como o das Termas ou Pozas de Ourense, é outro dos males. A xente asume a idea de que todo o público é gratis, máxime cousas de cultura e educación.
Total, seguimos camiño cara ao norte. Entramos na estrada de varios nomes. Xa me dirán se “Corredor do Morrazo”, non incita a correr e a espetarse. Tamén lle chaman, ironicamente, “Vía lápida” e non por chinesismo e non saber pronunciar o erre, senón por “lápida” da cantidade de mortos que leva soportado.

En fin, próxima parada, Beluso. Paseo polo porto. A Centoleira. Albariño e espera. Media hora. A fame medra. O sitio menos indicado para ter présa é unha marisquería. Ultra slow food. O debullar alleo de camaróns, nécoras, etc. acábanos coa paciencia cando a repartidora de cartas, ou sexa de turnos, nos anuncia cun sorriso outra media hora ou unha hora de espera máis. Fuximos sen comer. Bueu, máis bonito que hai anos. A néboa pelexa coa ría. Perde, momentaneamente, a néboa. Illa de San Crecenzo do Mar que cantou Filgueira e musicaron Iván Caride e Raquel Pato. Subimos á fermosa igrexa románica de Cela, unha vista espectacular, un restaurante con terraza balcón sobre a ría, tamén acugulado de xente. Infórmannos displicentemente sobre unha hora de espera. Claro. É domingo día 14. Os que marchan que se homenaxean. Os que veñen tamén. Marchamos. Pasan das catro. A fame, despois dos arrecendos de ambos lugares, medra. Seguimos. Marín. Pontevedra... Imos parando, cociñas pechadas. Poio. Restaurante O Remo, na rotonda de subida ao mosteiro. Entramos. Cinco e dez da tarde. Todas as mesas ocupadas. Máis de cen persoas. Nin preguntamos se nos atenderían ante o sorriso de luz de Patricia. En cinco minutos xa sentados, con pan e Crego e Monganillo. E para a espera das carnes -cinco minutos- uns gambóns deliciosos ao invitalacasa. O solombo, espectacular. A croca, espectacular. O prebe de champiñóns, inmellorable. As racións, portuguesas de antes. Cando saímos de alí, encantados de ter coñecido o sitio, ás seis, a cociña seguía a toda máquina. Cando as cousas funcionan, por algo é. Pregúntolle á amabilísima camareira, 500 comidas servidas hoxe? Non, que va. Se cadra 350.

Sesta na Praia da Agra con ecos dos nenos que xogan preto. Reasumimos camiño hora e media despois. Achegámonos a Sanxenxo. Oito da tarde. Oito horas de viaxe. Perfecto. Baixamos a equipaxe. Vou aparcar. Dou voltas. E voltas. E voltas. Acabo topando sitio nun eido preto de Areas. E non esaxero moito. Pero vive dios que non movo o coche ata que marche.

Te puede interesar