Opinión

No camiño de San-Yago: Vieiros de fé vieros de ideal (1926)

Entre xullo de 1926 e abril de 1927, o óptico e escritor compostelán Xavier Pardo Bedía escribiu unha serie de oito artigos para A Nosa Terra, sobre unha camiñata que fixeron un grupo de galeguistas desde Ourense a Compostela en xullo do ano santo xacobeo de 1926, e dos que se ocuparon estes días aí atrás un grupo de alcaldes no Irixo coa idea de potenciaren esa rota. Boa cousa. Fágolles un pequeno resume do percorrido. Os peregrinos cítaos Pardo na presentación: “E vaia por fin, dende eiquí, a miña garimosa lembranza pra Otero Pedrayo, Cuevillas, Feixóo, Risco, Sánchez e Monxardín, que conmigo compartiron as inquedanzas e emociós da ruta de estrelas que percorrimos. A eles, van adicadas istas crónicas”. Nas mesmas dános, fermosamente, detalles de todo tipo. Partiron de Ourense, agás Cuevillas e o meu avó, Alfonso V. Monxardin, que se uniron en Silleda; e no Pico Sagro fóronos agardar rapaces do Seminario de Estudos Galegos, entre eles, Tobío, Martínez López, Requejo, Noya e Antón Fraguas. Na elaboración dos artigos, Pardo valeuse de notas “sacadas do minucioso ‘Diario de Viaxe’ que, coa sua sutileza e maestría fixo o Risco, que si como escritor é formidabel, non o é menos, como psicólogo”. 

Parten o xoves 8 de xullo, ás cinco da mañá, da Ponte Nova de Ourense; soben pola Costa de Canedo, pasan por Liñares e Rouzós ata Amoeiro, onde xantan. Á tarde seguen camiño por Parada, San Fiz, Maside, Dacón, Carballiño, onde cean e dormen. O segundo día saen ás seis e media da mañá e despois de pasaren o Pazo de Madarnás chagan ao Irixo onde dormen unha sestiña de 12 a 4 da tarde. Logo “escomenzaba pra nos a parte mais penosa, e a mais seria da nosa pelengrinaxe”. Chegan ao límite con Pontevedra, na Ermida do Medio ás sete da tarde. Despois case se perden na baixada norte da dorsal (pasan Espiño, Castiñeiras, Lebouzán, Saborida, Vilatuxe...) e chegan, derreados, a Silleda á unha da mañá. O terceiro día, o sábado 10 de xullo, érguense tarde, xantan, escriben e botan unha sesta mentres agardan polas incorporacións de Cuevillas e Monxardín que saíran de Ourense en Castromil aquela mañá. “En canto chegaron, e dimpois de solemnizar grandemente o seu arribo, co-a entrega de sendos tidoos de ‘Capitán Araña’ dispuxemonos a marchar. Eran as seis e meia da serán”. Ese dia fan unha etapa “curta e sen importancia”. Pasan logo por Chapa, Bandeira, Balboa e chegan a Ponte Ulla, onde dormen os sete. O cuarto e último día, despois de erguerse e almorzar (“leite quente con pan, chourizos e viño da Ulla”) camiñan ata rubiren ao Pico Sacro onde os encontran ao medio día os amigos de Santiago. Xantan xuntos e ás catro baixan por Sergude, Rodiña, Susana e entran en Santiago polo Castiñeiriño e Ponte Pedriña. “Daban as dez no grave relox da Catedral, cando facíamos a nosa entrada pol-as tortuosas e sempre suxestivas rúas de Sant-Yago. […] A emoción que sentimos ao pisar Sant – Yago, dimpois de catro días de longo camiñar pol-o corazón da Terra, non é fácilmente descriptibel: […] Como perenne lembranza de iste noso camiñar pol-a terra en precura do Sant-Yago, gardamos todos, a ‘Compostela’, diploma valioso que ao correr dos anos terá virtud de nos falar sempre d´unha das mais groriosas etapas da nosa vida”.

E conclúe Xavier Pardo: 

 “¡Ouh santa e diviña emoción da pelengrinaxe, de ti non saben os que nos chaman tolos!”

Tolos ou precursores, está ben que os lembremos. Boa iniciativa. Si

Te puede interesar