Opinión

Cando o feminino é ridiculo

A lingua é a que é. E cambia consonte aos tempos. Así, por exemplo, “salario” era o pagamento que se lles daba aos lexionarios romanos para comprar sal e hoxe é outra cousa. E “patrimonio” eran as propiedades do “pater” da familia, e hoxe patrimonio pódeo ter calquera independentemente do sexo cóncavo ou convexo. E non por iso unha muller pretenderá dicir que ten moito “matrimonio” para dicir que ten moitos cartos e pisos e coches. E un home pode querer contraer matrimonio con outro home, aínda que etimoloxicamente a palabra estea ligada con mater e matriz, da que ambos carecerían. Porque a lingua é como é e evoluciona como evoluciona. Ao seu paso, ao seu ritmo. Así, sigo, o participio ás veces ten flexión de xénero e número. “A nena está cansa” e outras, en contextos máis verbais, non. O caso dunha moza que diga: “Non me dou cansado rir coas túas ocorrencias”. A lingua é a que é. Ou sexa, un produto fundamentalmente do que foi. E grazas á falla de improvisación, á constancia, é que nos entendemos.

Isto non é óbice para que non tratemos de “peneirala” en favor de facela máis xusta, flexible, igualitaria, etc., pero sabendo sempre que o uso da lingua é simplemente un vehículo de expresar ideas, sentimentos, etc. e que non poden chegar a substituír estes. Xa se impuxo bastante –aínda que os que entenden, homes e mulleres, non o compartan- o usar masculino e feminino en vez da forma común xeral coincidente co masculina. Así, de tanto oír xa “os vascos e as vascas”, parece que se alguén di “os vascos teñen pelos na segunda falanxe dos dedos da man” non se deberían incluír as vascas. E si. Tamén os teñen.

E se se acelera moito, tamén neste tema, descarrílase. É o que creo que está pasando co uso das formas exclusivamente femininas por parte do grupo novo, novedoso e atractivo que é Ourense en Común. Resulta que por unha tendencia moi radical neste tema e contraria á formación e historia da lingua, usan o feminino xenérico para incluír ao masculino. Algo así como unha especie de revancha histórica, absolutamente disparatada, ao meu ver. Así, onte lin na súa páxina web que no Concello se celebrara a “Primeira Xunta de voceiras” e aparecían na foto Martiño, Barquero, Jácome, Paco González e Xesús Vázquez. Todos homes. Trátase, si, de potenciar o uso do feminino como forma xenérica que inclúa tamén o masculino. Ou sexa é o que se chamaba conforme aos usos lingüísticos tradicionais, na fraseoloxía tradicional, confundir o cu coas témporas ou o touciño coa velocidade. Pois se alguén cre que a situación da muller cambia, se modifica ou evoluciona por este delirante novo uso, está vivindo nun mundo non real. A corrección política non nos debe impedir ser críticos co que xulgamos disparates, sexan os que sexan e veñan de onde veñan. Incluídas feministas radicais. Igual que o sentido común me indica que non debo dicir: “Estou contentísima porque estou rematando este artigo”, tamén me indica que non deben dicir: “Celebrouse a primeira xunta de voceiras” se alí só hai homes. 

E a quen non o entenda, pois creo que non llo sei explicar mellor. Claro que haberá quen me acuse de machista e será só que non entendeu nada. Nada de nada.

Te puede interesar