Opinión

O cartel de Cándido Fernández Mazas, unha boa nova

Adquisición por parte da Deputación de Ourense do orixinal dun cartel publicitario da revista Nós, obra dun dos máis grandes artistas da vangarda en Galicia, Cándido Fernández Mazas, é unha excelente nova. Creo que pode incitara á pescudar sen prexuízos na relación entre o artista e o movemento cultural galeguista.

Sintetizando para o público, a revista Nós nace baixo o impulso duns intelectuais con preocupacións por actualizar a cultura galega e poñela en trato coas demais do mundo; se o conseguiron ou non, é outro tema. Estes, eran os homes da xeración Nós -Risco, Cuevillas, Otero, Castelao, como figuras máis coñecidas- e abriron a revista á xeración seguinte, chamada habitualmente “Os novos” e que estarían máis en contacto co mundo das vangardas, non só por lecturas ou xogos diletantes -como o famoso poema “U jujuy” de Risco, por exemplo-, senón por asunción de postulados éticos e estéticos moi diferentes. Entre estes mozos hai uns quese negan a colaborar coa revista “dos vellos” -Rafael Dieste ou Manuel Antonio- e outros que si colaboran, entre os que sinalaríamos a maioría dos poetas e como artistas, por exemplo, Luís Seoane e Cándido Fernández Mazas.

Ben. Desde Ourense, a nova xeración participa no impulso cultural galeguista e pero tamén noutros órganos de expresión vangardista máis importantes, comoAlfar ou Ronsel. Eles son á parte de Cándido, os seus amigos, ourensáns, Euxenio Montes, Álvaro e Augusto Casas, Paco Luís Bernárdez, Xavier Bóveda, etc. Obviamente a inmensa sombra dos homes da xeración Nós, progresivamente identificados como os homes da cultura galega durante e desde o franquismo, escureceu estoutras realidades.

Cándido Fernández Mazas ten catro colaboracións enNós. Dúas delas son plásticas -a única policromía da revista, “Arco da vella” en 1922, e un debuxo que busca a pureza da liña simple, unha moza espida, feito en París en 1925 e publicando en 1926-. As outras dúas, son dous curtos textos literarios de sabor hilozoista, de especiais do Día de Galicia. O de 1926,“30-F”, iníciase cunha frase de Rimbaud (Par délitaesse/j’aiperdu ma vie) e outro 1930, titúlase ”Gorigori do tempo”. Á parte disto, hai un gabancioso artigo do seu amigo Augusto María Casas no número 22, de outubro de 1925, titulado “O pintor Fernández Mazas” incluído na sección “Os homes, os feitos e as verbas”, onde establece un diálogo co pintor a propósito da obra feita na primeira estadía en París -hoxe na Deputación- “Ventana al campo”. Tamén é mencionado nunha nota da redacción no número 13, novembro 1922, no que fala das melloras da revista -a capa nova de Castelao a cor, traducións de literatos estranxeiros e “antre os anuncios haberaos artísticos, con belos gravados de Fernández Mazas”-. Creo que esta mención tanto pode facer referencia ao póster adquirido pola Deputación como a un anuncio de Mondariz que aparece nos catro números seguintes. A autoría do anuncio para Fernández Mazas é proposta por Victoria Carballo, aínda que non recollida na obra canónica “Candido Fernández Mazas. Vangarda, militancia e esquecemento” (1902-1942), pero refórzase coa identidade de trazos e composicións de triángulos bícromos de ambas obras, anuncio e póster. Tamén, hai un paralelo grande entre o cartel e o debuxo feito por Mazas para a capa do número dez de Céltiga (xullo 1922) de Euxenio Montes, nun momento no que meu avó Alfonso era “corresponsal” de Céltiga en Ourense. Así pois, cremos que a data do cartel debe ser entre avanzado 1922 ou comezos de 1923 e podería estar dentro do intento de relanzamento da revista que anuncia esa nota de redacción pero que fracasou, pois a revista pasouse a imprimir a Pontevedra en febreiro de 1923 e pechou en xullo. Como chegou a Portugal? Se cadra a través de Antonio Sardinha, intelectual portuguesa quen coñeceu en 1924 na Residencia de Estudiantes, en Madrid, momento en que a revista estaba suspendida.

Pero non só foi Nós. En 1926, saen un par de obras dunha colección de literatura en galego,en Ourense -impresa en La Región-, chamada Galaxia que ten como directores Augusto María Casas e Cándido Fernández Mazas (baixo o heterónimo de Xohán Rafael) e da que o meu avó foi administrador. A primeira obra publicada -unha deferencia- foi de Otero Pedrayo (O purgatorio de Don Ramiro) e a segunda, Muiñada de estrelas de Augusto María Casas con debuxos de Cándido.

Neste tempo, meu avó foi a París por unha cuestión familiar, pero outras vivencias parisinas motivaron unpoema humorístico de Vicente Risco, en francés, que foi reproducido na Exposición da Fundación Vicente Risco. Nel ironiza sobre o grupo vangardista local “AlphonsMonjardin/de la Galaxia,/de l’artfauveetfier/ de Monsieur Mazas,/de la troupehardie/de l’espritnouveau,/quidevantBreton/ôte son chapeau...” etc. Non houbo máis números, pero Cándido despois seguiu deseñando e ilustrando libros dos amigos publicados por libre, en Alauda ou na editorial Nós, de Ánxel Casal. Entre eles destaca sobranceiro o libro “O vento segrel”, (1932) de Augusto María Casas, considerado por Alfonso Mato, “un dos máis vangardistas que saen de Nós” e cita entre as súas influencias a estadía en Parías, Modigliani e Tzara. E todo isto, á parte, claro, da súa radical actitude antiautonomista desde 1931 -vírase seducido polas posicións esquerdistas que consideraban que os estatutos afianzarían o caciquismo e a relixión-. Daquela particia en boicots antiestatuto e escribe cousas como: “En Galicia, solamente en delirio de cinco literatos alejados de todo sentido social, desconocedores de toda organización nacional, soñadores y papanatas, pánfilos y charlatanes, solamente ellos, digo, tratan de darle una ambición nacionalista al pueblo”. 

E independente disto, claro, segue facendo portadas para libros en galego de amigos como Álvaro das Casas (Escolma de Cantigas, 1934) ou Manuel García Paz (IV Melodía, 1935). Porque unha cousa é unha cousa e outra cousa é outra cousa.Parabéns a vendedor, comprador e intermediarios. E a todos nós, porque poderemos gozar da obra.

Te puede interesar