Opinión

Chisporrotazos informativos

Desde que o 10 de decembro de 1990 morreu o pobre Herminio, fotocopiado por unha grande lousa de pedra nas proximidades da Ponte Novísima xunto coa súa ocasional amante –unha inocente galiña cuxo nome non recolleron as crónicas-, Ourense non tivo tanta presenza mediática en España como nos tempos que corren.

Ourense, Terra da Chispa, desde logo, solta chisporrotazos –ou faíscas ou muxicas de falarmos máis polo enxebre- que poden prender neste tempo de magostos, pois non ten chovido abondo. Cómpre pois xestionar ben ese lume que tantas satisfaccións pode dar pero que se pode volver contra nós de forma tan perigosa como todos sabemos pola experiencia dos veráns. En fin.

Dicían os clásicos nas charlas que versaban sobre o entrañable Xan da Cova, que os de fóra pensaban que en Ourense era terra de tolos. Creo que era Otero quen lembraba unha viaxe de Unamuno á nosa cidade, en 1903, como mantedor dos seus Juegos Florales, e na que visitara a Lamas Carvajal e quedara asustado porque tiña un fillo mal da cabeza que berraba no piso de arriba. Logo pasara por casa de Filomena Dato, e alí estaba ouveando un seu irmán que toleara un Cuba. Nos Xogos, seguro, coincidiría con Xan da Cova e algún outro. Así, cando lle preguntaban por Ourense, dicía que a cidade non estaba mal, pero que había tolos por todas partes.

Pensaba isto ao fío das noticias estrambóticas que nos sitúan na actualidade mediática e que nos fan sentir un certo desacougo coa nosa imaxe pública. Algo ao que non é alleo ningún mundo. Vexamos. Un equipo de baloncesto gaña un ascenso pero logo de moitas voltas e reviravoltas pacta un ascenso diferido para o vindeiro ano. Primeira vez na historia que acontece algo así: aínda que quede de último este ano, ascenderá o que vén. Pois vale. Antes disto foran uns resultados electorais que aos non ourensáns chamaron especialmente a atención e que non daba entendido ninguén de máis alá de Seixalbo ou das Barxas, do Pereiro ou Barbadás. Pois somos así e xa está.

Tamén, logo da situación en que rematou o anterior goberno municipal, as primarias para escolleren candidatos dan uns resultados e logo por arte de birlibirloque poñen a outros. Pois terá que valer. E máis outra. Uns deputados abandonan un pleno onde son maioría absoluta deixando as minorías coa voz institucional da institución para non ter que falar nin oír falar de non sei que cousiña cousa que os desacouga. Pois será, tamén, será. E para rematar, un funcionario, natural da vella Auria, xeneral dese exército citado no artigo oito da Constitución como o garante da soberanía, independencia, integridade e orde constitucional de España, é fichado por un partido que quere botar abaixo a Constitución, piar central do máis estable e longo período democrático da historia do país. A terra, como ven, é xenerosa e dá para moito.

Só falta que agora que se cumpren en breve os vinte e cinco anos das súas mortes tráxicas, lles fagamos, por subscrición popular, unha estatua ao pobre Hermino e a súa amada e inocente galiña en nome da pluralidade de opcións de vida e morte. Daquela si que saiamos de novo na tele. Pero mellor non, mellor non.

Te puede interesar