Opinión

Ciutadans e cidadáns

Hai uns anos xurdiu en Cataluña un movemento político anovador da política catalá que se chamou Ciutadans e que tiña por referente a mozos destemidos e moi novos; hoxe Albert Rivera ten 35 anos e a candidata á Generalitat, Inés Arrimadas, 34. A súa idea de anovar, rexenerar, o espazo político catalán, trataba de superar uns partidos que útiles na transición, cría esgotados por malas prácticas, e potenciar a radical normalidade de ser cataláns, españois e europeos ao tempo e, en calquera caso, poñendo no centro de todo ao individuo, ao cidadán, fronte ás estruturas ou ideas de colectividade. Segundo a súa visión, non había que cambiar de sistema, pero si de operadores do sistema e perfeccionar a xestión. Así, nada de vitimismo senón reformismo do sistema democrático e autonómico. A idea tivo boa acollida –o éxito de antonte está aí- e ante a detección de que algo así podía cumprir en toda España, lanzaron a súa iniciativa a todo o territorio que comparte DNI.

É, polo tanto, a segunda vez que na historia moderna, un proxecto vén de Cataluña a transformar a política española. A anterior, estrepitoso fracaso, foi a chamada “operación Reformista” ou “operación Roca” en que CiU impulsou un espazo de centro, o Partido Reformista Democrático, do que tamén participaba Coalición Galega e grupiños soltos por España adiante, para cubrir o oco da descomposición da UCD, naquela altura de 1984. Os que teñan mellor memoria lembrarán que houbo moitos cartos no tema, a implicación dos liberais de Garrigues Walker e que o secretario xeral da operación era Florentino Pérez, o do Real Madrid; a aventura mantívose dous anos, 1984-86, pero sen éxito. Nas eleccións de 1984, por exemplo, sacaran cero deputados en toda España, agás os de CiU e o galego Senén Bernárdez, que o serían igual, aínda que non existise tal operación.

Agora é outra cousa. Se daquela foi entendido como unha “inxerencia” do nacionalismo catalán nos asuntos de España –de aí o seu resultado- a visión deste momento é moi outra. Ciutadans transmutado en Ciudadanos preséntase como a alternativa rexeneradora e constitucionalista aos dous grandes partidos e cun considerable éxito (un seis e medio por cento, terceira forza política nas municipais de 2015) pero cunha escasísima penetración en Galicia.

De feito, nas grandes cidades só conseguiu representación en Pontevedra e Lugo. Empezan con mal pé. E por que? É complexo, pero non axudan as voltas e reviravoltas de cargos, as pexas a nivel central e a fichaxe de desacougados do PP ou de UPyD. Ademais, no discurso que ofrecen, non se recoñece identidade propia. Diriamos que non é cuestión baladí que alí se chamasen Ciutdadans, en catalán, e aquí se coñeza por Ciudadanos máis que por Cidadáns. En Galicia non haberá sentimento nacionalista maioritario, pero si de identidade. E como demostra o PP, desde o famoso “Galego coma ti” de Fraga, é algo que axuda a conectar. A nivel de España debíalles interesar moito Galicia para contribuír a articular o seu discurso constitucionalista, progresista e postnacionalista –que non de oposición entre un nacionalismo e outro, din- desde outra das autonomías chamadas “históricas”. Creo.
 

Te puede interesar