Opinión

Coches de "tócame Roque"

Certo que a expresión castelá “casa de tócame Roque” é simpática. Seica era unha corrala madrileña na que os veciños vivían no medio da trangallada e o caos. Contan que por un problema de herdanza burlábanse dun dos ex-propietarios dicíndolle que era o de “Tócame Roque”, pois non lle tocara a el, Roque, pese á súa insistencia. E pasou ao castelán -e de aí ao galego- para designar, con humor, o descontrol. 

E estes días vexo algo diso a conta dos coches públicos. A mi non me parecería mal que haxa un complemento do soldo de vivenda e transporte. Igual que hai anos o delegado de Facenda e o gobernador vivían nos edificios das súas delegacións, non me importaría que o presidente da Deputación e o alcalde vivisen en cadansúa vivenda nos seus edificios administrativos. Incluso podía haber apartamentos para os concelleiros, como as antigas vivendas dos mestres ou as casas cuarteis da Garda Civil. Aforrábase en seguridade pois quedaban eles ao cargo do choio pola noite. 24 horas de servizo. E tampouco me parecería mal que tivesen coches da “empresa” os xefes, igual que algúns comerciais con responsabilidade teñen o seu. E libre, por suposto, para usaren nas súas cousas particulares nas fins de semana; pagando, claro, gasolina, multas, etc. Calquera cousa clara é perfectamente defendible.

Pero non é o caso. Non lles é así a cousa. E as explicacións das nosas Casa Grande e Casa Pequena parecen saídas da de Tócame Roque. Empecemos pola Grande. Como é que non se dá identificado un condutor dun vehículo oficial nunha data e hora determinada? Aínda que houbese mil coches oficiais e mil choferes -ou usuarios- é imperativo o control. O de menos son os mil e pico euros por non identificalo. O de máis é a falla de colaboración coa Garda Civil, coa autoridade, na idea de que con pagar xa está extinta a responsabilidade. Polo que a min respecta, a ética, non, que é a que me importa. Sigamos pola Casa Pequena. Como é que non se dá identificado un condutor dun vehículo oficial nunha data e hora determinada? O de menos é a multa e o de máis é que o alcalde chame a un amigo para que diga que foi el. Inda peor se a mentira comporta outra irregularidade como sería un uso dun vehículo oficial por unha persoa sen implicación no grupo de goberno. Parece “favorciño por postiño”... inda que sexa na lista. Estamos confundido as cousas. Sei que é frecuente que cando a un particular -o alcalde, como autoridade, nunca o será-- o cachan e pregunta a Garda Civil quen conducía, pois se bote man do carné dalgunha persoa da casa que non o use, para que lle saquen eses puntos que tanto lle teñen. Está mal, claro, pero non se involucran institucións públicas nas que hai que ser escrupuloso coa ética e a legalidade. 

E unha autoridade pública ten que ser exemplar. Empezando por non mentir. Obviar a imperativa colaboración con outras autoridades é forma de falsificar a realidade. E venme á cabeza unha referencia nun libro autobiográfico asinado como Gundisalvo Ferreira, titulado “Me informaron mal” (Ourense, 2011) -por certo, dedicado a Rafa Reporter, Armando Todoído e outros oito-, onde se presume do roubo ao Exército de papeis oficiais selados en branco, a falsificación de documentos e o seu uso en Estados Unidos. 

O importante, á parte de meter poucas veces a pata, é saber sacala, con elegancia, desculpas e sen mentir. A vida non é un partido de fútbol onde todos traten de enganar o árbitro. E moito menos, os que deben dar exemplo.

Te puede interesar