Opinión

Colleiteiros? Mmmmm

Unha vez chamada a súa atención voulle dar a volta e dicir o contrario ao que parece que quere dar a entender o título. Como é obvio, e aínda que só sexa por descendente de xentes do viño -grazas a el a miña avoa e os seus irmáns fixéronse mestres- teño o máximo cariño, respecto, aprecio e gabanzas a todo a parroquia dos que viven ao redor da cepa, epítome do cultivo culto.

A todos os que saben o que é a rodriga ou arxona, a todos os que saben o que pesa un culeiro, e a todos os que saben que a coitela é curva e perigosa, a todos os que lles doeron as costas de andar apañando bagos, aos que teñen pisado viño e barrado unha pipa, a todos, a miña máxima estima. Ademais, creo que o traballo que se vén facendo nas últimas décadas no sector é espectacular. Que lonxe parecen xa os tempos dos viños horrorosos, atoldados, picados, servidos nas bastas cuncas brancas! Creo, ademais, que o traballo feito na dignificación do viño desde as grandes cooperativas e das grandes e pequenas empresas é exemplar. Mágoa que non haxa terras abondas e que as propiedades e adegas sexan tan minúsculas e esparexidas e que lles sexa difícil ter grandes producións introducibles en mercados amplos. Pero o traballo que están facendo desde o sector é superpositivo. As veces que os teño oído en charlas sobre o tema, parécenme reflexións moi atinadas. Creo, ademais, que todo o que vaia en pro da unidade do sector é marabilloso, e é moi boa idea faceren cousas conxuntas entre as catro denominacións. Polo tanto, máximas felicidades a todos eles.

E logo o título? Pois élles unha cuestión puramente léxica. A palabra “colleita”, como é obvio, refírese á recolección agraria. A calquera recolección: “A colleita de grelos non é moi boa porque non xeou o suficiente”. Ou metaforicamente: “Rusia colleitou un grande éxito internacional co acordo de alto o fogo de Siria”. Así pois, colleiteiro é unha das palabras posibles para os que se dedican ao cultivo do viño porque, efectivamente, o colleitan. Pero é demasiado xeneralista e, ademais, non me parece, máis alá da súa aparencia, moi enxebre. Diría eu máis, a palabra “cosechero” que se impuxo bastante no medio rural galego entre os que andaban na produción e trafego do viño, creo que non veu a substituír a “colleiteiro”, palabra que non aparece en ningún dicionario vello e non é usada por ningún escritor, senón a unha máis enxebre, máis relacionada do tema de vello, como é “viñateiro”. Non descarto que igual que a palabra “pueblo” case fai desaparecer “aldea”, a de “cosechero” tratara de substituír a “viñateiro”, palabra con tradición. Di, por exemplo, don Eladio Rodríguez, no seu dicionario: Viñateiro: Viñador, el que cultiva las viñas y trafica con el vino para su venta. 

Obviamente a palabra “viñateiro” está construída sobre “viño” polo que a relación entre produto e a persoa que del trata, é unívoca. Un viñateiro colleita e vende viño. Un colleiteiro, pois depende. En fin, déixome de mixiricadas. Viva o viño e vivan os viñateiros (ou colleiteiros, se eles o prefiren). Que sigan traballando ben. E nós que o bebamos neste 2017 e seguintes.
 

Te puede interesar