Opinión

Comunidade de veciños: Galicia

Imaxinen unha reunión da comunidade de veciños no portal. Estamos ante a forma de democracia directa máis básica, máis achegada a nós. É unha reunión de persoas adultas, civilizadas -viven nunha cívitas- e que teñen, basicamente, os mesmos intereses: que funcione ben o ascensor, que a limpeza de portal e escaleiras sexa eficiente, que os ingresos de cotas e consumos se equilibren cos gastos, que a porta do portal peche ben, e a do garaxe funcione correctamente, que non haxa luces fundidas, que o administrador non faga as contas do gran capitán, estaren ao corrente dos pagamentos do vao do garaxe, teren o seguro a punto por se hai unha avaría, e cando a hai, solucionala en breve, etc. etc. É fácil de gobernar? Pois non. Sempre hai -e falo en abstracto, por suposto- o veciño repunante que discrepa das horas ou días en que se acenda a calefacción, o que non está de acordo en pagar a derrama, e non a paga, o que quere cambiar tal ou cal cousa que aos demais lles parece que vale ben... En fin, que é fácil escorregar e que a reunións se convertan nun galimatías, como se dun claustro de profesores mal avidos se tratase. E así é moi fácil que algún veciño tome a decisión de non volver. “Pago o que me digan, e non vou perder o tempo en reunións que só serven para cabrearme”. Sóalles?

Pois pensen se é mala de gobernar unha comunidade tan básica, cos mesmos intereses e cunha contabilidade que se pode levar na parte de atrás dun sobre de propaganda usado, con dúas raias, “entradas” e “saídas”, imaxinen o que é o gobernaren un concello, unha provincia, Galicia ou España, con xestións complicadísimas. Por iso sinto unha grande admiración polos que teiman en facer funcionar as cousas do conxunto e polos que logran o liderado para pórse a elo, en calquera nivel ou esfera.

E supoño que terá que ser así, pola lóxica política da alternancia, pero creo que cando hai uns resultados electorais como os que se produciron en Galicia, os comportamentos da oposición deberían ter outro enfoque, tratar de facer cousas distintas para conseguir resultados distintos. Explícome. Imaxinen que en tres temporadas seguidas de calquera deporte, un mesmo equipo gaña as tres veces moi destacado. Digamos que na primeira saca 38 puntos e o segundo 25, que nas seguintes saca 41 e o segundo 18, e nas terceiras saca 41 e o segundo 14, e entre todos os outros equipos, nesta terceira, suman 34. Parece que lles cumpría unha reflexión aos equipos perdedores, pois a malleira non vai a menos. Así, pois, chega o momento da investidura do presidente Núñez Feijóo, e sabendo do testemuñal do xesto, o resto dos partidos votan en contra. E eu me pregunto se non sería mellor que cando un gaña por maioría absoluta, fose quen fose, o resto, cortesmente, se abstivese na investidura. Os votos que lle cómpren para a alternancia deben vir dos votantes que apoiaron á maioría -outros non hai- e deben facer xestos certa aproximación para tratar de “riparlle” mercado aos votantes maioritarios en vez de insultalos. En fin, que cando foron todos tres -Villares, Leiceaga e Pontón- felicitar a Alberto Núñez, xusto despois da votación, si que me pareceu que ían polo bo camiño. Os catro. Parabéns e a traballar, o máis xuntos que se poida. Neste ano irmandiño, lembremos ao Martín Fierro cando dicía aquilo de: Los hermanos sean unidos/porque esa es la ley primera -/ tengan unión verdadera/ cualquier tiempo que sea -/ porque si entre ellos pelean/ los devoran los de afuera.

Te puede interesar