Opinión

Condenas imprescindibles

Miren que cousas, eu vexo os concellos máis que como entidades políticas –desas que debaten sobre as cousas xerais da marcha das grandes cuestións das sociedades- como lugares e xentes que deberían dedicarse aos asuntos correntes da xestións da vida cidadá. Tirando un pouco para aquí ou un pouco para alá, pero sen enganarse no que nos interesa a todos que fagan. E o seu éxito é sobre todo de xestión. Por iso hai bos e malos gobernantes municipais de todos os partidos en función das competencias ou incompetencias propias e alleas, dos que comparten cámara municipal. En calquera caso, considero que o Parlamento galego é o noso parlamento de proximidade, ese onde en base aos nosos impostos se deben discutir cuestións locais galegas e xerais que que nos afectan. 

Por iso asisto como observador atento á unanimidade que a moción da mixta deputada ourensá Carme Iglesias provocou no Parlamento en relación coa condena do franquismo. Moi bien, moi bien. Franco era mala xente e fixo mal erguerse contra a República... aínda que maquinase esas cousas hai oitenta anos ou así. E dado que podemos mover un pouco máis os marcos da historia para facer que as cousas caian no noso interese, e xa saíndo da guerra civil, creo que o Parlamento, se non ten cousas máis interesantes que facer, podería estudar, crear comisións ou tomar acordos sobre varias outros temas. Por exemplo, condenar o asasinato de Calvo Sotelo, espoleta do conflito. Creo que debería crear unha comisión para investigar en Lisboa se o accidente do avión de Sanjurjo, en 1936, foi accidente ou non. Tamén, creo, se debería condenar o alzamento contra a República en Asturias no 34, a queima de igrexas -que afectou, por exemplo, á biblioteca do Padre Feijoo, coñecido fascista-, e a represión desmedida, posterior. 

África. As 158 mortes do Barranco de Lobos, en 1909, e as 10.973 do desastre de Annual, en 1923, non deben quedar sen investigación parlamentaria actualizada. Tampouco por suposto, a xestión da crise de Guinea que fixo que tantos ourensáns de Celanova e Quintela de Leirado saísen por pernas alá en 1968. Condena explícita debería facerse, tamén, do exército americano polas ataque ás forzas españolas en Cuba en 1898 e á guerra seguinte, a causa da cal perdeu unha perna o meu bisavó Gumersindo. E, creo, se debería pedir o dereito de retorno ás casas dos seis millóns de alemáns que naceron en terreos que hoxe son de Polonia, Chequia, Lituania, etc. E dos musulmáns que escaparon da India. 

E tamén, sópranme os animalistas, habería que facer algún acto colectivo de petición de perdón ás vacas por telas xunguido inhumanamente e inanimalmente con xugos opresores, polo uso da aguillada, e por obrigalas a arar recto baixo as amezas de “abilloei ei vaca bei”, durante séculos. Os mesmos que levan sendo asasinados e queimados enriba de bancos, antes con fachicos, agora con sopletes, os porcos, con perdón das súas caras, e todo isto no medio da rexouba popular. En fin. Cando o demo non ten que facer, espanta moscas co rabo. Ou escribe artigos no xornal.

Te puede interesar