Opinión

Cortesía parlamentaria

Creo que a cousa non tiña dúbida. Se as organizacións de empresarios e os sindicatos de traballadores acordan reformar a reforma laboral do PP, co papel impulsor e mediador do goberno de España, magnífico. Ninguén debe, desde o mundo sistémico, en boa lóxica, oporse á confluencia de vontades dos axentes sociais. Tampouco hai moita dúbida que o PP non podería nin debería, votar a favor de reformar a súa reforma porque, loxicamente, debe valorar que o seu traballo foi mellor, pero está aí o prudente recurso da abstención. O que parece sen percorrido é que o PP se opoña a empresarios e traballadores, e coincida cos outsiders da banda de Laíño e da banda de Lestrove, máxime despois de ter criticado con tanta acedume as confluencias do Goberno con seus, agora, ocasionais compañeiros de votación. Así, Casado, poderá ripar algún voto a Vox pero é polo centro onde se gañan as eleccións. Aí está a maioría da xente sabia e electoralmente infiel, esa que mira a esquerda e dereita antes de votar. 

En fin, dito isto, se foi así a cousa, -falo da equivocación na votación do deputado estremeño, que sempre quedará a dúbida de argalladas subterráneas- o feito de que a Presidencia advertida previamente non lle admitise a rectificación, clama ao ceo. Entra dentro da actual e nova “cortesía parlamentaria” cunha ampliación de significado respecto da tradicional que a continuación trato. Como vostedes saben, hai palabras abstractas que rematan en ía para expresar “calidade de”. Así, demasía -o que está de máis-, burguesía -a calidade do burgués-, e mesmo o neoloxismo “ourensanía”, unha, seica, forma de ser propia dos ourensáns. Pero se a vella cortesía era sinalada na entrada do dicionario da RAG como “Calidade do cortés”, e cortés era aquel “Que manifesta boa educación, delicadeza e respecto no trato social”, non me estrañaría que fose preciso engadir unha segunda entrada no dicionario da RAG. Sería un máis dos chamados “autoantónimos”, palabras que designan cousas opostas, tipo “sancionar”, aprobar unha lei, por exemplo, ou impor unha multa por transgredila. Así a nova entrada non estaría relacionada tanto con “cortés” senón cun dos dous significado de “corte”. Diría Cortesía: Calidade do que se comporta con modos propios atribuídos aos animais de corte ou cortello, perdendo as formas propias das persoas educadas. Sinónimo: cortellesía.

E perder as formas, é perder os límites orixinais. Non se pode deixar de admitir unha rectificación ante un erro evidente, pois non é un “gol en propia porta” porque non todo é un xogo intranscendente. Non poden, tampouco, os empresarios, ameazar publicamente con retirar o apoio “se se move unha coma”, porque non se debe minusvalorar e desprezar o poder lexislativo. Esas cousas, o mantemento da integridade do texto -máis alá das comas-, páctase reservadamente, sen publicidade. Así, toma estado nas Cortes o proxecto, aplícanse os rolos ou rebolos parlamentarios que cumpran, a cousa sae como entrou, e non se lle falta á Cámara. Tamén é propio da nova acepción proposta de cortesía parlamentaria, o feito de mesturar máscaras con pensións en votacións no Congreso; como foi, no seu día, mesturar a violencia de xénero coa superación do teito de gasto do goberno, ou medidas anti-covid con Pablo Iglesias na cúpula do CNI. É feo confundir allos con cebolas. Son cousas sen xeito nin dereito.

En fin, como dixo aquel deputado nas cortes da II República, “Señoría, está usted errado, pero con hache”. Sospeito que hoxe nin todos -e todas- no hemiciclo entenderían a indirecta. 

Te puede interesar