Opinión

Crimea, cuarto episodio

Cando se afundiu o imperio romano tomaron o relevo varias nacións -máis de inmigrantes xermanos que de invasores-, e como as súas fronteiras non estaban ben definidas, houbo lea. Iso acontece sempre cos imperios esgotados. Ao pouco de marchar España de América, houbo guerras, por marcos, entre a maioría dos países: a do Chaco, a guerra na que perdeu Bolivia a saída ao mar, etc. Igual co imperio austrohúngaro ou co otomano. E así, cando se esfarelou a URSS, botáronse tamén todos á rapañota. A liquidación do deus-estado, mesturada co reparto do territorio (que gran engano iso de que alí non había problemas de nacionalidades) deu lugar a unha carreira na que baixo o lema de “parvo o último” todos os que estaban nos machiños públicos arrapañaron o que puideron. Uns quedaron da parte de aquí da lei e son millonarios -como Yulia Timoshenko, expresidenta das trenzas de Ucraína-; outros quedaron como “mafiosos”. E máis ou menos, son a mesma xente: oportunistas.

E estes días comprobamos a madeira de buxo de que está feito Vladimir Putin: mente sen que se lle mova un músculo da cara, como bo ex-dirixente da KGB. E isto non ten nada que ver con que o asistan ou non razóns para a absorción de Crimea.

Ademais élles un experto nas cuestións de lindes. Como repetimos estes días, na descomposición da URSS houbo varias guerriñas das que xurdiron tres zonas ocupadas polo exército ruso en dúas repúblicas a leste e oeste do Mar Negro. Na costa leste, a autonomía de Abajsia (máis grande que Ourense e menos que Lugo) pelexou para saír do control de Xeorxia e proclamou a súa independencia. Tamén Osetia do Sur (máis pequena que Pontevedra) pelexou cos xeorxianos por afinidade con Osetia do Norte, ou sexa cunha autonomía de Rusia. En ambas zonas, o exército ruso garante esa independencia prorrusa “de facto” non recoñecida “de iure” por ninguén. E ao norte de Rumanía, na parte norte de Moldavia, existen uns 4.000 km2 entalados entre o río Dniéster e Ucraína, case sen estado. Chámanlle Transnistria e lograron na caída da URSS saír eles de Moldavia. Hoxe a capital, Tiráspol, é o maior centro de trata de brancas e armas do mundo e aínda teñen na bandeira fouce e martelo. O exército ruso tamén mantén o estatus de alí. As tres republiquiñas, recoñécense entre elas, e a Nagorno Karabaj, esa parte de Azarbaixán tamén con independencia de cartón pedra, pero integrada, de feito, na filorusa Armenia.

As posibilidades de solución negociada destas catro irregularidades estatais son escasas, sobre todo despois do desestabilizador recoñecemento occidental de Kosovo, sen o cal sería impensable esta absorción de Crimea por Rusia. Que tamén podería ter a tentación de absorber Abajsia e Osetia, nas súas fronteiras, pero non tanto Trasnistria que pasaría a ser un enclave entre territorios alleos, como Kaliningrado, antiga Koninsberg prusiana, entre Polonia e Lituania. A pesar de todo, a ninguén lle interesa tensar en exceso a corda. Putín dicir dixo que non ía absorber máis zonas da Ucraína rusófona, e Ucraína dixo que sacaría aos seus nacionais de Crimea. As protestas, pois, paracen máis que nada para que Putín pare, pero non para que volva atrás. E, sen gas ruso, centroeuropa e Ucraína, aviadas. Todos saben que é mellor unha mala avinza que un bo preito. Así pois, “bye, bye, Crimea”. E que sexa para ben.

Te puede interesar