Opinión

Crispación

Oapelido “Crespo” non é un apelido local -tipo Outeriño, que concentra máis do 90 por cento en Ourense-, senón que está espallado por toda Galicia. Ten presenza en 130 concellos, pois naceu en varios puntos do territorio ao tempo, en correspondencia cunha característica persoal que se repite, como ter o cabelo dunha determinada forma. O mesmo pasa con “Delgado”, “Grande”, “Roxo”, ou outros apelidos toponímicos ou de oficios que tamén se repiten, como  “Vilar” ou “Ferreiro”. E “Crespo” deriva do adxectivo “crispus” dun verbo latino “crispare”  que ten o dobre significado de ondular, rizar, como o cabelo, pero tamén o de tensar, axitar, etc. como os músculos do brazo antes de guindar, por exemplo, unha lanza.  

E observo que vivimos tempos crispados. Enguedellados e tensos. O outro día escribíalles nestas páxinas un artigo sobre o tema da monarquía ou república -cuestión que valoraba e valoro como secundaria ante a primaria e esencial, a democracia e a estabilidade- e que como é habitual, colguei na rede social que manexo (Facebook) para darlle unha difusión complementaria á do xornal. Pois ben, quedeilles algo desacougado e non polas respostas dos extremistas que inzan na arañeira cibernética e despois quedan na irrelevancia cando hai ese maldito filtro democrático que son as eleccións. E sabido é que quen expón unha idea exponse tanto a ser obxecto de contradición lexítima -a marabilla do debate creativo-  pero tamén bufidos e exabruptos primarios, fóra de consideración. O que me preocupou foi o xeito crespo, cheo de tensión e acedume de persoas que eu tiña precatalogadas como sensatas e educadas; se cadra, admítoo, cun exceso de inxenuidade pola miña parte.

Saben vostedes que nas redes hai unha figura que se chama inapropiadamente “amigo” e que vai sumando ás persoas conectadas co primeiro núcleo de, efectivamente, xentes próximas. A esas xentes sáltalles no seu ordenador o teu artigo, e é a forma, como lles dicía, de complementar a difusión do xornal. Un, como é lóxico, tende a pensar ben dos seus amigos, e tamén, mutatis mutandi, dos amigos dos amigos. E iso convén recapitulalo, pois nas redes cómpre tamén xa exercer unha distancia social que evite que o virus da crispación nos ofusque os sentidos.

Dito isto, convén autocensurarse e coutar a propia liberdade de opinión fronte ás saídas de ton alleas? Convén non colgar os artigos se non van estar de acordo con esas voces dominantes? Pois sinceramente, creo que non. As veas polas que circula a liberdade non se poden ver esclerotizadas polo radicalismo que por elas flúe. É un tema de responsabilidade social.  A liberdade non pode dar ningún paso atrás.  Nunca. Os que sabemos algo da historia de España, sabemos que a figura goyesca do “duelo a garrotazos” responde a un substrato histórico que está aí e que debemos superar. Os que observen o panorama mundial con pensamento aberto, saben dos intereses múltiples que se poden cruzar en facer desencarreirar un país. A idílica Iugoslavia socialista e autoxestionaria, exemplo de harmonía entre nacionalidades que crimos no seu tempo, estalou excitando as baixas paixóns milenarias para interese da reciclaxe de innobres elites locais. A Occidente non lle veu mal aquela erosión nas marxes do sistema do leste. Se cadra hoxe a máis dun poderoso non lle viría mal unha terra queimada nesta península do Mediterráneo occidental.

Temos que andar con moito ollo e moito coidado. Xogamos con lume nun mundo no que hai moitos barcos abandonados cheos de nitrato de amonio, como o de Beirut. E nunca nada se resolveu excitado e agresivo  mellor que calmo e tranquilo. E renunciando a responder nese rexistro crispado, acabo coas mesmas palabras do outro día: soamente me interesan a democracia e o acougo. 

Te puede interesar