Opinión

Da Auriense e as súas bandeiras

No proceso de recuperar raíces adóitase dicir que Cataluña descubrírona os comerciantes; o País Vasco, os cregos, e Galicia, os escritores. Como toda simplificación, ten algo de certa: que Rosalía sexa a nosa “deusa nai”, non é casualidade. E todas as redescubertas identitarias, teñen moito de conservadoras: conservar a lingua, a música, as tradicións, as institucións, o dereito, a historia, a paisaxe, etc. Por iso o catalanismo, vasquismo e galeguismo tiveron unha relación difícil coa esquerda, pois combinar internacionalismo vocacional duns e exaltación do local doutros, non era fácil. 

O galeguismo xogou cómodo no terreo da cultura -cousa sempre de minorías-, pero non na política, para o que cumprían outras vivencias e apoios sociais. Pero como non tiña a carga ideolóxica do ultramontano catolicismo vasquista, nin a da modernidade vangardista do capitalismo catalán, o espectro ideolóxico de apoio era moi diverso. No XIX, liberais de Murguía, tradicionalistas de Brañas. E na época Nós (1920-36), reaccionarios como Risco, liberais como Otero, progresistas como Castelao, ou de esquerdas como Carballo Calero ou Ánxel Casal. Eran, sobre todo, xentes educadas e de cultura, e iso, uníaos. De feito, o galeguismo ourensán de antes da guerra estaba nesas. A revista Nós, o Seminario de Estudos Galegos, as exposicións -como a de Castelao organizada pola Mocedá Galeguista-, as conferencias e cursiños na sede do Partido Galeguista na Rúa de Alba, onde xa viñan Cunqueiro ou Paco del Riego... Esaxerado, supoño, chegou a dicir Xoaquín Lorenzo que xente de varios partidos -entre eles o gobernador- pagaban tamén a cota do Partido Galeguista, por simpatía cultural. Loxicamente, esta visión aproveitárona ao máximo nos anos da guerra e posguerra para, primeiro, salvar o pescozo -cousa sempre interesante- e despois, empezar a facer o posible, pois o seu compromiso ético e persoal coa Terra, superaba a traxedia das tristuras, desacougos e desenganos que obtiveron, sen culpa, da política.

Ben. Nos inicios dos sesenta os galeguistas vellos e outros novos a eles ligados, próximos ao inicial PSG, turraban pola cousa cultural -e así formaron as asociacións polas cidades de Galicia. Desde a Auriense promoveron os primeiros cursos de galego nos Maristas, conferencias de Otero no Colexio Médico, as misas en galego na Catedral, estudos afeccionados para a corrección da toponimia, celebración do Día da Árbore, das Letras, Xornadas do Cine e multitude de charlas e conferencias, concertos, exposicións. Eran “sementes de amor a Galicia” que viron modificada a súa esencia cando na segunda metade dos setenta o nacionalismo impulsado pola UPG entrou nestas asociacións e desprazou aos seus dirixentes. Tempos no que “pseudonacioalistas” ou “culturalistas” eran os insultos preferidos. O relevo xeracional e ideolóxico cambiou a natureza das asociacións. A Auriense integrárona na Fronte Cultural da AN-PG, cambiando os vellos e difusos compromisos pola promoción do proselitismo nacionalista partidario, usando os locais como sede do “movemento nacional-popular”. Así, daquela, tamén se desprazou a bandeira galega, branca e azul, pola inventada por Xosé González na primavera de 1976, a da estrela vermella, creada como bandeira símbolo da AN-PG, pois a UPG xa tiña a súa vermella coa espiral e fouce e martelo.

En fin, non me gustou nada que na merecida homenaxe a Carlos Guitián e Nemesio Barxa o sábado pasado no Liceo, non presidira o acto a bandeira de Galicia, branca e azul, a que cubriu o cadaleito de Otero, a dos mellores anos da Auriense; antes de permutar en correa ideolóxica partidaria ou no respectable e útil local de copas e actuacións que é hoxe.

Te puede interesar