Opinión

Dámonos conta?

Nós aquí con piolladas e o mundo estralando polas costuras. A universalización da tecnoloxía hipercomunicativa dá lugar a novos escenarios sociais planetarios onde as ideas, as modas, as sensibilidades se espallan en cuestións de días. E os extremismos. Eu, sinceramente, estoulles preocupado. Porque me dá o corpo que non estamos valorando con suficiente distancia e fondura os cambios que se están producindo nun mundo tan extenso e próximo xeograficamente a nós como o mundo islámico despois das desgraciadas “primaveras árabes”. E digo desgraciadas porque o único que trouxeron foi desacougo, desorde, descontento e radicalismo. Sen unha guía clara, as primaveras, obviamente, descarrilaron. O que foi aproveitado, evidentemente, polos inimigos máis violentos de Occidente.

Si. As relacións de Europa co mundo musulmán son complicadas desde sempre. E máis desde hai uns cen anos. Ata aquel momento o sultán de Constantinopla organizaba aquel imperio que abranguía desde o centro de Asia, todo Oriente Medio e o norte de África, e era o líder indiscutido do mundo musulmán. E facíao ao seu xeito, coa súa cultura, e con boas relacións con Europa, sobre todo co mundo xermánico. E ao igual que no Imperio austro-húngaro, os pobos e nacións convivían sen especial problema. Logo da fin da I Guerra Mundial, veu o que veu, e todo se complicou cos estados nacionais inimigos entre si e as fronteiras de escuadra e cartabón en Oriente Medio. Pero desde hai vinte e tantos anos, desde a desaparición do bloque soviético, a relación é desacougante. A vella tensión comunismo/occidente entre sociedades que aspiraban ao benestar xeral por camiños opostos, transformouse hoxe nunha nova tensión máis intensa. No mundo hai tres áreas de poder que compiten en parámetros semellantes: Occidente, China e Rusia. E á súa vez, vense atacadas á vez por unha concepción da relixión islámica, progresivamente maioritaria nese ámbito, oposta á liberdade individual e aos dereitos humanos, tan do noso gusto. O terrorismo uigur no oeste de China, o checheno en Rusia, o secuestro de nenas en Nixeria, as bombas contra escolas en Pakistán ou contra igrexas coptas en Exipto, o asasinato de adolescentes en Israel, a crucifixión de disidentes no Estado Islámico recén creado entre Siria e Iraq... todo vén formando parte dun mesmo magmático movemento global. Os erros de Occidente, pero sobre todo, a propia evolución interna desas sociedades que, como todas, nos momentos de crise optan polas posicións máis extremistas, levan a esta situación. E as tecnoloxías da comunicación e da morte fan o resto. Que ninguén se engane. Non pode haber tanta miopía. A existencia de Israel non é a causa. Que ten que ver China ou Rusia co tema? Que teñen que ver os cristiáns coptos de Exipto ou as nenas que queren estudar en Pakistán ou Nixeria? E os xiis de Iraq? Nada. En absoluto.

Así pois, Occidente debe repensar o tema con moita calma e moita forza, sen deixar oco ás inxenuidades. Lembremos que a Primeira Guerra Mundial ninguén pensaba que fose posible, entobados os intelectuais nas súas torres de marfil, nas exposicións da vangarda pictórica e nos cabarets parisinos. Hai un problema que ameaza a nosa forma de ver o mundo e hai que estudalo. E xuntos, mover as fichas.

Te puede interesar