Opinión

Dándolle á lingua

Opinión

Dándolle á lingua

Comezaremos hoxe unha serie de micro artigos sobre a nosa lingua que se publicaran os venres, sábados e domingos nestas agarimosas páxinas. Ímoslles chamar “bolboretiñas” porque serán cousas lixeiras, suaves e, queremos, fermosas. E a idea é simple, volver pola lingua dos que gardan ese tesouro, ou sexa, pola fala dos vellos.  Pois si. Como o mundo avanza, cada vez temos nos idiomas de todo o mundo máis vocabulario común (fútbol, selfie, wifi, brexit, tsunami, cafe, shusi, spagueti, netflix, cacao, tomate, brexit, ketchup, reflex, foto) e menos do que naceu ao pé da casa. 

Explícome. Cantos rapaces saben o que quere dicir abeacas, rella, rabiza ou rabela, temón... ou chedeiro, ladrás, canga, fungueiro e chavella? Estas palabras que naceron onda nós, fillas do latín, están marchando do mundo dos vivos, ao tempo que os arados de pau e os carros de vacas... e os vellos que os usaban. Así pois, é preciso conservar unha enxebreza da lingua compatible coa modernidade do novo vocabulario pois doutro xeito estariamos fóra da historia ou fóra de nós. Destas formas de falar, de pronunciar, de expresarse polo enxebre, tratarán estas bolboretiñas que irán voando libremente, sen planos previos nin outra intención máis que vostedes o pasen ben e reencontren o doce sabor da fala vella, da dos avós, parte xa da nosa Terra.