Opinión

De novo, sobre os museos de Ourense

Quen me mandará a min pisar todos os charcos? Quen me coñeza sabe que podo estar no certo ou enganado, pero non falo máis que polo que creo. Había unha revista de humor galego na transición que se chamaba “Can sen dono”. Así que, de novo, vou volver sobre os museos a propósito da intención do goberno municipal jacomita -ou polo menos á súa parte- de querer pechar o Museo Municipal e trasladalo ao Banco de España. Ben. Para empezar, en Ourense non hai nin nunca houbo un Museo Municipal. Os que saben algo do asunto, ben coñecen a vella e moitas veces reformulada pero basicamente igual triple funcionalidade dos museos: conservar, investigar, difundir. Así, teñen todos un staf amplo no que se inclúen restauradores, conservadores, pedagogos, etc.; teñen todos unhas revistas e coleccións científicas nas que dan a coñecer os avances no tema -tipo Boletín Auriense-; teñen todos instalacións de conservación e almacenamento vivo, e, por último, unhas salas de exposición permanente e outras temporais. Hai equipos humanos profesionais que están por detrás e que dinamizan a investigación en moitos campos. Así, en Ourense cidade existe unicamente o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, e para máis inri, pexado na súa actividade principal polas obras, o que non foi óbice nunca para que parase coas exposicións, pezas do mes, recepción de materiais arqueolóxicos, participación en moitas exposicións, publicación do Boletín Auriense, etc., etc.

O que vimos chamando Museo Municipal para entendernos foi sempre unha meritoria sala de exposicións que tamén almacena unha parte dos fondos artísticos da Administración municipal de Ourense. Como salas de Exposicións son a do Marcos Valcárcel e a de Abanca. Partindo desta realidade e de que as obras en marcha na Praza Maior van parir deica pouco, un novo Museo Arqueolóxico, preséntasenos urxente o tema de como mellorar o tecido museístico ourensán e preparalo para o uso dos seus cidadáns e de turistas.

Creo que non é cuestión de ocorrencias (“Museo do Entroido”, e mover peóns dun sito para outro) senón de que se senten as persoas que entendan do asunto delegadas polos poderes políticos, xunto cos posibles doadores ou depositadores de grandes coleccións e facer un plano conxunto.

En Ourense, insisto, é imprescindible un espazo de arte, un Museo de Belas Artes, coa participación da Consellería, o Concello, a Deputación e Abanca, e con especial mimo e relación coas fundacións de Angelita Varela, Quessada e os artistas -ou familias de artistas- e, tamén, con relación cos grandes anticuarios-coleccionistas de arte. E inclúo a estes últimos porque, posuidores de amplas coleccións, creo que entenderían que a súa achega a un proxecto destas características podería ser unha forma de darlle saída digna a uns seus fondos que nas circunstancias actuais non se moven. É tan evidente que esta cidade carece de un espazo museístico de arte como que da articulación orgánica dos fondos do Arqueolóxico, Concello, Deputación, Angelita Varela, Afundación e familias de artistas, sairía un importante foco de atracción. O resto é pensar en pequeno, coa leira na cabeza e o que é peor, no corazón.

E insisto na súa posible localización na acrópole cultural ourensá de San Francisco. Estarían alí, Biblioteca, Arquivo Histórico Provincial, Museo de Belas Artes, Auditorio, Escola de Música e Teatro... En fin. Parece tan lóxico que, supoño, será imposible.

Te puede interesar