Opinión

Desbrozadora? Non, gracias

Falei do tema xa hai anos, pero é inevitable repetirse mentres o mundo sexa mundo. Jesulín de Ubrique comparaba todo co touro. Exceso profesional. Eu, que non son tourerio de momento, e a verdade creo que é unha das cousas que me quedará sen facer neste mundo, o que por outra parte nada me preocupa, adoito ver moitas cousas desde o punto de vista dos códigos comunicativos, das linguas, porque é no que traballo. E así creo que igual que antes moita xente falando castelán dicía “estes” por influencia do galego, agora hai xa falantes de novo que usan “estos” en galego. Nas eleccións oín un que moito o repetía. E a min, claro, encarrapíchanseme as orellas case ata poñerse puntiagudas como as de Mr. Spock de Star Trek porque me parece un síntoma de sfumato lingüístico. Tamén vexo as cousas -que raro- desde o punto de vista da gastronomía. As linguas son como as cousas de comer e beber. Ti non podes mesturar aceite e auga, porque son de distinta natureza. Así, non se pode mesturar o vasco e o castelán, por exemplo, ou o chinés e galego. Ou A ou B. Pero linguas da mesma natureza, ou sexa orixe e familia, si que se poden mesturar, como o galego e castelán. Como o viño e a auga. Se lle botamos un chisco de auga ao viño, rebaixámoslle a súa esencia, pero seguirá sendo viño. Se a auga lle botamos un chisco de viño, perderá o sabor neutro da auga, pero sen chegar a ser viño. Se falando en castelán dicimos “Que niña más riquiña”, seguirá sendo castelán, pero con tonalidades de sabor galaico. Se dicimos “O teu abuelo Evaristo vive aínda na aldea?” pois non pasa nada grave. Pero se digo “Aier fun á plaia e comín unha docena de nécoras e estaban buenas, buenas” parecerá galego malo, picado, avinagrado, pero os verbos, as contraccións e a fonética fálannos de que aínda é galego. Daquela, creo, debemos tratar de que non se pique, botarlle algo mentres ferva na nosa pipa (antes mellor que química era un xamón ou así) para que clarifique e despois tratalo ben e servilo a temperatura adega ou frío. Depende.

En fin, que unha das cousas que mellor podemos facer é actualizar o vocabulario como sempre se fixo. Se lle chamamos “motoserra” ao aparello que serra a motor, como lle chamaremos ao instrumento que serve para “rozar” o monte con motor?. Pois os portugueses chámanlle “motor-roçadora”, ou roçadora a secas. Igual debiamos facer nós, rozadora, porque aquí non se “desbroza” o monte, senón que se “roza”. Curiosamente, xa o facemos ben cando lle chamamos ao novo aparello para sachar a motor “sachadora”, pois se alguén lle chama pola fala castelá “motoazada” queda en ridículo.

En fin, espero que xa lle teña chegado ao amigo Antonio Piñeiro a súa rozadora para atacar as silvas. E asegúrolle que se empezamos a chamarlle así, logo se fai “tendencia”, pois somos máis permeables do que pensamos. Lembro cando se introduciu a palabra “avaliación” que algúns cremos que se trataba dunha errata no DOG. E hoxe, vinte anos despois, a ninguén lle estraña o máis mínimo. Así pois, entoando o réquiem polo podón, pola forquita, pola galleta, digamos, por sempre, rozadora. Iso si, a traballar con coidadiño que é instrumento perigoso perigoso. Moito me gusta facer o superlativo duplicando o adxectivo. En fin, boas vacacións os que as teñan e que lle cheguen axiña aos que aínda non as micasen.

Te puede interesar