Opinión

Desigualdade tunélica

O outro día aí atrás, ao inauguraren a exposición do Padre Feijoo, o presidente Feijoo fixo unha comparación simpática e, se cadra, algo forzada. Se a cousa viña a contou ou non é opinable, pero como saben, cada un trata de levar as cousas ao seu rego ou a auga ao seu muíño. E cando lle zorregan moito a un no lombo metafórico –o cargo de presidente é o que ten- pois é natural que un trate de publicitar ou gabar as cousas que fai ou que fan os seus, aínda que, loxicamente, facémolas entre todos, impostos mediante. O caso é que dixo o Feijoo presidente que o Feijoo padre fora como unha tuneladora, a furar na ignorancia das xentes para que visen a luz ao final daqueles tempos escuros -e aquí vén o simpático- tal e como facían agora as tuneladoras abrindo túneles para o AVE que estará en Galicia en, creo que dixo, 2018. Moitos alí sorrimos porque metáfora inédita, éo seguro. Nunca ninguén antes lle chamara “tuneladora” ao Padre Feijoo. E de túneles que non de tuneladoras tamén lles quero eu hoxe comentar algo.

Ultimamente fun a Madrid e a Vigo, en coche. Todo normal. Pero como sempre que fago tal, vénme á cabeza –e supoño que non só a min- a evidente desigualdade de trato tunélica, máxime nestes momentos de promoción das igualdades de todo tipo. E, xa o saben vostedes, os túneles do Padornelo e a Canda están igual que cando se inauguraron, sufrindo, claro, o paso do tempo, paredes anegradas do fume dos coches, da humidade sobre o formigón. E non, nunca, ningunha operación de maqueo, ningunha reforma. Seica deben cumprir eses requisitos europeos que disque incumprían os túneles de Folgoso; por outra parte, en zona climatolóxica ben máis benigna. 

E aos poucos días por eses, paso polo túnel da Cañiza e penso que debe haber alguén con influencias namorado deses buratos. Non creo que haxa obra recente con máis intervencións posteriores. Inaugurárono, exactamente, se mal non lembro, en mil novencentos noventa e moitos. Onte coma quen di. Sobre todo se o comparamos coa Ponte de Bibei que leva dous mil anos cumprindo a súa función. Que bos enxeñeiros tiñan os romanos, aínda que non houbese facultade na Coruña! E no 2011 pechou en sentido Vigo para poñelo bonito, máis seguro, e meterlle luces e placas de aluminio a esgalla. E no 2013 volveu pechar en sentido Ourense, para facerlle outro tanto... E agora, pecha de noite para poñerlle un parasol na saída a Vigo e meterlle máis luces, verdes, que nos indican cada pouco a distancia que hai ás saídas de emerxencia... Nada disto, obviamente, me pode parecer mal. Canto máis se faga para que quede mellor, pois mellor que mellor. E ademais, como vou máis a Vigo que a Madrid... Ata creo que xa podería gañar un concurso –reaccionario, iso si- de beleza tunélica: mister túnel europeo. Pero non. Teño a impresión de que no gasto do público estaría ben que houbese iso que se chamase equilibrio e prioridades. E a min, a verdade, paréceme que máis lle cumpría un repasiño aos túneles do Padornelo e a Canda que esa sombriña atenuada que haberá na saída cara a Vigo, e que, por certo, nunca achei en falta.

Te puede interesar