Opinión

A desobediencia civil?

Vou directo. Nas sociedades democráticas occidentais, concorden comigo ou non, non hai lugar para a desobediencia civil. Eu pago impostos, ti pagas, el paga. Todos pagamos, todos debemos pagar ou multa. E se creo que pago de máis, pois para as seguintes eleccións voto a un que diga que me vai baixar impostos. E se creo que os ricos pagan pouco, pois voto a un que diga que llos vai subir. Pero non podo eu “obxectar”. E se crese que deberiamos poder conducir polas estradas a 180, buscaría algún partido que tal dixese para apoialo. E tería sempre liberdade, claro, para impulsar unha campaña pública para que, cambiando as leis, así fose.

A cousa é moi simple. As normas que rexen o funcionamento social son as que nos damos entre todos, e todos temos a facultade e o dereito de intentar cambialas, pero mentres obedecemos as que nos temos dado colectivamente. Ora ben, eu non podo tomar decisións unilaterais como non pagar impostos, circular a 180, ou pola esquerda, ou entrar no despacho do médico porque leva tempo de máis co paciente anterior. Evidentemente cada un pode facer no persoal da súa capa un saio, pero non así na interacción cos demais, na vida en sociedade: hai normas colectivas. E isto é especial responsabilidade dos individuos nas sociedades democráticas, pois nas outras, xa que encargas os poderes de “ditar” as formas de comportamento e impoñelas “manu militari”.

A que vén todo isto? Pois ao meu desacougo e preocupación perante o comportamento sindical e familiar dos que promoveron ou decidiron que os seus fillos non debían facer unhas probas que indicaban as autoridades educativas de Galicia. Independentemente da valoración que delas se faga e coas que eu son, de partida, escéptico. A consellería indicou por activa e por pasiva que as probas estaban destinadas a comprobar a calidade do ensino impartido mediante un control obxectivo cunha proba igual para toda Galicia e que non serviría para clasificar centros por nivel, etc. Vale. Pero aínda que fose o contrario. Desde cando unha administración non pode promover análises de calidade no seu ámbito, anotar os seus resultados nos seus expedientes e clasificar en función de resultados e eficacia? Ademais, como se atreven, sindicatos e pais, a promover a desobediencia a unha norma emitida por un poder legal constituído democráticamente? Por que non promover a inasistencia a todos os exames, pois clasifican e discriminan, coas notas, aos estudantes por capacidade e esforzo?

Non teño dúbidas de que este exemplo se volverá os promotores. No fondo, nos colexios, están unhas horas, uns aniños, pero na casa vanos ter para sempre. E nesta sociedade atoutiñante, non debemos crear no mundo escolar burbullas de “boísmo” teórico e promover logo a adoración á hipercompetitividade no mundo do deporte, da música, no consumismo extremo. En fin. A lei, segundo conveña. Imaxinen o que pasaría noutro país cos boicoteadores (pais ou funcionarios/sindicalistas). Cuba? Estados Unidos? Alemaña? Aquí, sen problema. Parece potestativo o cumprimento da lei. Do que se trataba, no fondo, era dun pulso, a ver quen pode, quen manda: a Administración ou os sindicatos movendo aos pais? E así nos vai. Imaxinen se a consellería salta as normas, elimina privilexios sindicais e fai traballar de novo nos centros de ensino aos 143 liberados (2,37 millóns de euros/ano) que enredan total ou parcialmente nestas cousas?

Te puede interesar