Opinión

A DEVALUACIÓN DA PESETA, ETC.

Supoño que vostede, igual ca min, lembra as devaluacións da peseta. Si. Un día saía un señor na televisión ?ministro ou cousa así- e explicaba que España perdía competitividade e que polo tanto a devaluación da peseta faría que as nosas cousas lles resultasen máis baratas aos de fóra, co que se incrementarían as exportacións e medraría o turismo, e que, como as cousas de fóra ían ser máis caras en España, o país espabilaría para producilas aquí en vez de compralas no estranxeiro; así habería máis emprego.


Pero a todos nos parecía un pouco raro este conto que soaba tan ben, pois tíñamos a sensación de que España perdía postos na Liga Mundial, aínda que no fondo, pensabamos, era só cousas dos periódicos e da televisión. O mundo das 'noticias' fronte ao mundo da xente. A nós íannos seguir pagando igual e as cousas na tenda ían seguir custando o mesmo. Indubidable era unha enganifa. A cousa non se vía tanto, pero andando o tempo, todo subía? menos os soldos. En realidade, a cotización do dólar só lle preocupaba aos emigrantes en Venezuela e México e aos empresarios que comerciaban co exterior, dúas categorías ás que eramos alleos a inmensa maioría. Destas devaluacións, na miña vida houbo sete: nos anos 1967, 1976, 1977, 1982, dúas en 1992 e unha en 1993. Estas tres últimas, as chamadas 'devaluacións competitivas' de Solchaga, supuxeron un 21 % de depreciación en nove meses, foron a arma utilizada por Felipe González para superar aquela crise e preparar a España para a adaptación ao mercado único.


E agora volvemos estar nunha situación moi complicada, independementemente da crise global. Os custos de traballo unitarios desde a creación do euro, 2002-2012, subiron en Alemaña un 8 %, un 13 % en Francia, un 37% en España e o 59% en Grecia. O espellismo da confluencia de poderes adquisitivos cos dos países máís avanzados da Unión fíxose non en base á economía real, senón a puro crédito europeo e a incremento das marxes especulativas, máis que de salarios obreiros. Pero todo acaba, e os cartos, máis. E agora temos o problema de que xa non se pode devaluar a inexistente peseta e a moeda que corre é a mesma que a dos competidores.


Fronte a isto fálase agora da posibilidade da 'devaluación interna', ou sexa, baixar salarios (ese famoso 10% de que fala o finés Olli Renh, eurocomisario de Economía) e á xente, obviamente, non lle parece nada ben. Unha cousa é que o goberno mande nesas cousas das grandes cifras e das páxinas salmón dos xornais, e outra que nos baixen a nómina o 10 %. O país non está polo labor. A dedución parece simple: se cobramos menos, hai menos diñeiro en funcionamento e todo se pára un pouco máis. E ademais ninguén se fía o máis mínimo, neste país onde o expresidente dos empresarios está na cadea por trampón, e onde quedan celdas preferentes para figuríns de banca, ninguén se fía de que os empresarios non aproveiten, simplemente, para incrementar os seus beneficios o baixado aos soldos. Sen máis.


Non temos os empresarios de Alemaña. Non temos os sindicatos de Alemaña. Non temos os compromisos, os políticos nin as lealdades institucionais de Alemaña. Non somos Alemaña. Ás veces, por desgraza.

Te puede interesar