Opinión

Dez anos sen Marcos, dez anos sen vós

O tempo escorrega pola barronca dun presente avolto a velocidade nunca imaxinada. Dez anos sen Marcos! Dez anos sen Pepe Trebolle. Dez anos sen Benito Losada. Si. Hai dez anos, a parca chegou na noite escura e coseunos a alma con tres fríos golpes de gadaña. Marcos, de primeiro, abrindo camiño, o día 5; menos de 24 horas despois, seguiuno Pepe Trebolle, o xeneroso factotum da Obra Cultural de Caixa Galicia en Ourense, cando existía a autonomía de funcionamento. En menos dun mes, acompañounos Benito Losada, amigo da alma de Marcos e faro que iluminou unha forma marabillosa de funcionamento na, daquela, Casa da Xuventude, que era como dicir na Casa da amizade, da liberdade e do compromiso. 

E xunto a Marcos, o noso capitán, só con cincuenta e dous anos, marchou canda el, esta parte fundamental do seu cuartel xeral. Deixou aquí os froitos vizosos do seu traballo de investigación, difusión e organización -milleiros de artigos, centos de conferencias, ducias de libros e de congresos- e deixou íntegra, tamén, a saudade da súa memoria e da súa rectitude. Creo que os amigos fixemos ben as cousas con el, perante aquela ELA: os premios, as medallas, os recoñecementos, chegaron a tempo de que os puidese gozar. Entre eles, a cea colectiva do 28 de novembro de 2008, un dos capítulos principais dentro da historia dos xantares culturais, cousa que está por facer. E tamén, principalmente, esa inédita obra cume da amizade que foi o libro titulado “Marcos Valcárcel, o valor da xenerosidade. Homenaxe dos amigos”. Aí 228 amigos, narradores e poetas, críticos e escritores, debuxantes e escultores, políticos de varios credos, renden tributo de amizade ao noso excelso intelectual, e vai acompañado, incluso, por un CD coa gravación en imaxe e voz dese acto. Marcos era o contacto en Ourense. Canto intelectual precisase algo -un dato, unha presentación, un artigo, unha charla... - sabía que podía chamalo. Marcos unía. No elenco dos colaboradores, non hai máis faltas cás que se lle poidan atribuír aos editores, pois a todo o mundo achegou cousas magnificas. Sabemos, por unha, por exemplo, que Méndez Ferrín si coñecera ao Suso e que vivía ao pé do Barbaña e que aparecera afogado nunha poza do río.

En fin, Marcos, que publicou hai 24 anos o libro “A cidade da xeración Nós”, estaría sen dúbida ilusionado este ano centenario e, seguro, organizando algo útil e efectivo. Mágoa. Pero seguramente, tamén andaría moi desacougado -calmo, tranquilo e desacougado- ante a situación sanitaria, a crise da transmisión da lingua -moito peor que hai dez anos- e de parálise municipal e decadencia da cidade. 

Home serio, non gustaría deste troupelexar político sen xeito. Aínda lembro o seu relato de cando se ergueu da mesa, firme, e marchou perante as cámaras nun céntrico estudio dunha televisión local ante o que considerou unha innobre manipulación da súa colaboración, cunha encerrona e acoso para falar de cuestións que nada tiñan que ver coas que fora convocado e que ofendían a súa boa vontade manifestada.

En fin, o Instituto da Carballeira e o Centro Cultural da Deputación homenaxean a súa memoria. Benzón a eles. Se cadra o Concello podería pensar en -como propuxemos os amigos hai tempo- darlle o seu nome á praza de La Legión, próxima ao seu instituto. O décimo aniversario sería, en condicións de razonabilidade institucional, óptimo momento para emprender o proceso. Seguro que el quedaría encantado, e a memoria humana ou de lei democrática, tamén. Apertas á familia e amigos. Non o esqueceremos. Nunca.

Te puede interesar