Opinión

Dilema do demo

Xa lles teño contado máis dunha vez dos dilemas do demo das que nos falaban no Yad Vashem de Xerusalén cando os vellos sobreviventes dos guetos de Budapest ou Varsovia nos contaban as súas historias. Algún deles dicía que era afortunado porque tivo a oportunidade de volver vivir, a pesar de que lle matasen a toda a familia en Auswichtz -pais, fillos, filla, esposa, sogros- porque nada lle danou a conciencia. E lembro que no gueto de Vilnius, capital de Lituania, foi onde se deron os maiores destes dilemas do demo. Ou sexa, dúas alternativas entre as que había que escoller ou si ou si, e que eran as dúas espantosas. Unha delas deu lugar á película “A decisión de Sophie”. Como saben, a unha nai danlle a escoller cal dos seus fillos quere que viva, senón mátanlle aos dous. Isto foi xeral e motivou ás preguntas a uns rabinos que non sabían que dicir. Escoller un era un crime; deixar que matasen os dous, outro. Suicidarse todos, tamén. Outra dilema foi o dos médicos xudeus. A quen lle daban a escasa insulina do gueto? Escolleron aos máis novos. Pero acabouse e morreron todos.

Desdramatizando, ao PSOE pásalle parecido. Foise metendo só nun gueto da intolerancia, atraído polo capote de Podemos. Coa que está caendo a nivel europeo e mundial, coa de gobernos de coalición ou de concentración que hai en Europa, como o alemán, por exemplo, centrouse en demonizar ao partido que máis votos obtiña en cada elección, cada vez máis lonxe deles, e chegaron a unha canella cega con dúas saídas diante, pero tapiadas. Sen dúbida, poderanme dicir os amigos do PSOE que o PP non é a CDU, pero eles tampouco son o SPD. Falar da corrupción allea está ben, sempre que se inclúa un exercicio da autocrítica polo propio, para que non se convirta nese “ti máis” que aborrece aos cidadáns. Gürtel, sucio. ERE Andalucía, sucio. Cómpre lavar moita cousa. A xente, como se comproba nas eleccións, ten isto asumido, e quere, maioritariamente, que os partidos tradicionais se rexeneren, purguen e vaian cara adiante con liderados definidos. Fíase máis deles que dos que presumen de puros, de que nunca se mancharon. Todos temos lavadora.

Eu teño a impresión de que a radicalización das posturas do PSOE -a podemización, dise agora- non lle vai traer moitos beneficios, porque sempre se preferirá a versión orixinal, e si bastantes prexuízos dos que aman o sistema democrático e non queren xogar á alteración dos marcos políticos e administrativos. A pedagoxía inherente ás dirixencias durante a transición foi exemplar. Cando o PCE puxo a bandeira constitucional de España nos palcos dos seus mitins, estaba instruíndo, valentemente, na aceptación do marco democrático aos seus militantes, e na superación do pasado. A proximidade dos dirixentes nos Pactos da Moncloa, e a boa convivencia entre todos, os que viñan das institucións franquistas e os que viñan da oposición, achanzaron un camiño que resultou, por exemplar, imitado no mundo das transicións políticas. Pero a pedagoxía política exercida nos últimos anos polas dirixencias do PSOE, agudizada por Pérez-Castejón, creo que foi tensionadora e negativa; cada vez máis lonxe de Europa e máis preto dos populismos sudamericanos. E así chegaron a unha situación en que, efectivamente, teñen que escoller entre dúas alternativas malas. Se deixan que goberne, arrepónselle a militancia organizada, se van a eleccións, mi madriña. Para saír da canella cega deben volver sobre os seus pasos, aínda que temporalmente camiñen para atrás. Sempre se fai así para coller pulo.

Te puede interesar