Opinión

Dirty Lovers of culture

Apouco inglés que un saiba entende estas palabras: “sucios amantes da cultura”. E a min, deste segundo e espantoso atentado en Túnez (lembremos o de 2002, na sinagoga da illa de Yerba, 22 mortos), deste atentando no Museo do Bardo, o que máis me move á reflexión son estas catro palabras finais do comunicado en twitter no que o Estado Islámico asume a autoría da acción. “Sucios amantes da cultura”. Os xubilados cataláns e todos os outros que querían ver os espléndidos mosaicos do museo, sucios amantes da cultura, por iso morren. E lembrei a Antonio Senillosa, aquel aristocrático e un pouco atolado político catalán que fixera sorrir a España enteira xusto no momento da liberación do Parlamento o 23 F, cando sinalou que os asaltantes lle ordenaran no seu escano que nin lera nin escribira, polo que, deducía, non eran xentes de letras. Ovellas os nosos, lobos estes. Si. Os do Estado Islámico tampouco son xentes de letras. Son, e non é pouca a diferenza, xentes do Libro. Si.


Houbo un tempo no que había boa televisión e Sánchez Dragó tiña un programa “Negro sobre blanco” cuxa sintonía, cantada por Vainica Doble, dicía “Todo, todo, todo está en los libros”. Pero isto é o contrario. Para eles, todo, todo, todo está no Libro, que non nos libros. E cando hai unha soa fonte, o que controla esa fonte ten o poder. Por iso o seu grande desprezo polo mundo de valores que fomos construíndo, que soñamos universais e quixemos estender por todo o mundo. Si.


Cousas que nos parecen tan evidentes grazas á evolución do pensamento occidental desde a Biblia –que xa en si significa pluralidade, “libros”- cousas tan evidentes como que a escravitude non debe existir; que debemos gobernar as sociedades de acordo coas ideas maioritarias; que os seres humanos, todos, deben ser educados e teren dereitos inherentes á súa condición de persoas, petan con esa lectura monocorde do Libro. Na revista Dabiq, publicación do Estado Islámico, fanse unhas argumentacións moi sólidas da súa postura revolucionaria contra os valores occidentais. Porque non hai maior cuestionamento dun sistema que a inversión absoluta dos seus valores. Todo o demais son medias tintas e miudezas. Un paisiño de tres ou catro provincias? Máis dereitos ou menos para os traballadores? Que goberne estes ou estoutros? Piolladas. Cínguense ao Libro e defende a literalidade radical. De aí que neguen ser a relixión do Libro –do Libro e da Espada, aclaran-, que teoricen sobre a conveniencia da escravitude dos non musulmáns, sobre o ridículo que é pensar que os homes teñen dereito a intentar gobernarse sen ser a través da lei divina, sobre a xusteza de queimar vivo a un piloto militar ou sobre o útil que é cortarlle o pescozo aos cristiáns coptos ou non coptos que se lles antolle.


Neste contexto de teocracia entolecida, a destrución dos ben nos museos parece cousa menor. Pero non así a dos dirty lovers of culture. O futuro non pinta ben. Occidente pecou de máxima inxenuidade nas primaveras árabes. Eliminamos uns diques que agora achamos de menos cando vén a riada. É posible unha guerra interislámica na que sexan vitoriosos os moderados? Convén –sería posible e desexable- o cinismo de pactar áreas de civilizacións, renunciando á nosa visión etnocéntrica do mundo baseada nos dereitos das persoas? Ou sexa, gobérnense como queiran, e fagan por aí o que lles pete coas súas antigüidades, minorías, mulleres, nenos e gays, e déixennos en paz. Non o creo. En calquera caso, temos por diante uns anos movidos. De xestión do problema, máis que dunha resolución moi pouco probable. Debemos ser cautos pero non inxenuos.

Te puede interesar