Opinión

"Don Paco e o galeguismo auriense" polo profesor Afonso Vázquez Monxardín

Foto grupal de galeguistas no cruceiro ás portas do pazo de Trasalba.
photo_camera Foto grupal de galeguistas no cruceiro ás portas do pazo de Trasalba.

A Francisco Fernández del Riego, o querido e grande don Paco, figura das Letras Galegas deste ano, casado cunha galega do Barco, Evelina Hervella, é, como se dirá sen parar nestes días, figura clave no mantemento do galeguismo da posguerra e no enlace entre as épocas anteriores á súa e as posteriores . Como tal, xa o recoñecía Vicente Risco nun artigo en La Region o 20 de xuño de 1957 con motivo do comentario dun seu novo libro -o tomo III da Escolma de poesía galega” dicindo del: “Acaso el hombre que con más insistencia trabaja en levantar a la vista de todos la cultura gallega, capaz de suplir la fatigas de tantos otros, y que se ha convertido por ello en el indispensable informador, por conocer las cosas al día  y al detalle”. Seguramente, si, o tempo que el traballou en primeira fila, (desde 1930 ata xaneiro de 2010 que deixa a dirección de Penzol e as colaboracións na prensa) foi o máis prolongado e frutífero de todos os seus contemporáneos e, sen dúbida, o principal dinamizador da cultura e, tamén, o principal construtor do relato deses tempos a través de centos de colaboracións de prensa e libros de memorias, que, como sabemos, se elaboran en base a percepcións persoais da historia. E como foi o máis lonxevo dos vellos galeguistas, pois, a súa palabra foi a máis dominante e as súas lembranzas -e filtros-, convertéronse en canon.

Houbo un xornal anarquista que durou un par de anos antes da Guerra Civil na Coruña que se chamou “Brazo y Cerebro”. Sen dubida nos anos seguintes á contenda e nos comezos da recuperación cultural posterior á guerra, Ramón Piñeiro foi o cerebro e Del Riego o brazo, e sen o seu traballo conxunto, o presente do país tería sería distinto, peor. Ambos lograron pasar con discretas represalias a Guerra Civil, a pesar de seren elementos moi novos e activos do galeguismo, nunca tan maltratado como o esquerdismo, nos tempos da represión máis dura. Famosa é a anécdota de Piñeiro na que relata que estando presente no Goberno civil o 20 de xullo, chegaron as forzas sublevadas a deter a todos os políticos trataban de defender a legalidade. Cando viu que empezaban a levar á xente, calado e discreto, sentou ao pé dunha máquina de escribir libre, meteu un folio e púxose a teclear, sen levantar a vista e pasou desapercibido como se dun funcionario exemplar se tratase. 

Don Paco, pola súa banda, tamén fuxiu do Concello de Santiago nos últimos momentos, e ambos marcharon voluntarios á fronte, pois como é ben sabido era un lugar ben máis seguro para unha persoa que non simpatizase co levantamento ca unha retagarda chea de delacións, vinganzas e  asasinatos. Piñeiro, logo da guerra, de estudar entre Santiago e Madrid, e pasar tres anos no cárcere, acabou vivindo en Santiago -en piso prestado polo recén incorporado ao galeguismo, García Sabell, en 1952-. Paco del Riego estableceuse en Vigo, ao calor dun traballo ofrecido por Valentín Paz Andrade xa nos finais dos corenta e con cuxa memoria puido ter sido máis xeneroso. 

O caso é que ambos tratan reconstituír o Partido Galeguista nos tempos da esperanza da caída de Franco despois da fin da II Guerra Mundial, pero a cousa non saíu nada ben, e como dixemos, Ramón Piñeiro pasou polo cárcere tres anos (1947-49), e logo da súa saída decidiron dedicarse por enteiro á cultura. E así seguiron os pasos doutros galeguistas a promovían distintas iniciativas dentro do posible. Podemos sinalar os comezos da recuperación da RAG para a cultura galega, en 1941 -ingreso de Filgueira, Cuevillas, Bouza Brey, Pedret Casado, Ramón María Aller...- e a publicación do Boletín da Academia desde o ano seguinte; a constitución do Grupo Marcelo Macías de colaboradores do Museo Arqueolóxico de Ourense, coa presenza de Cuevillas, Risco, Xocas e Ferro, en 1941; a reorganización posibilista a través do  Instituto Padre Sarmiento de Estudos Gallegos –co impulso de Filgueira Valverde e Sánchez Cantón, Antón Fraguas, Fermín Bouza Brei, desde 1943— e a publicacións dos seus Cuadernos de Estudios Gallegos; a promoción dos traballos sobre o patrimonio desde o Museo de Pontevedra -co impulso de Filgueira-. A celebración das misas galeguistas do 25 de xullo en Bonaval -Xaime Illa Couto e Xosé Mosquera Pérez, Manuel Beiras- con presenza ampla desde 1947; a montaxe da Fundación Rosalía de Castro; O impulso das emisións en galego da BBC -Alexandre Raimúndez, Leuter González Salgado e Ben Cho Shey, desde ese mesmo ano-. A publicación dos extras dos sábados de La Noche -con José Goñi, Fernández del Riego e Isla Couto, como impulsores, a fins de 1949-; a formación de Editoriais como Bibliófilos Gallegos –con Filgueira Valverde e Sánchez Cantón, como impulsores, en 1949; colección como Benito Soto en Pontevedra -Manuel Cuña Novás, Álvarez Negreira, Sabino Torres e Celso Emilio Ferreiro-, Ed. Monterrey –Viñas Cortegoso e Xosé María Álvarez Blázquez, 1950... 

As xornadas en memoria de Lamas Carvajal en Ourense en 1949, --coa participación de Risco, Filgueira, Del Riego, Otero, Celso Emilio Ferreiro, etc.- en colaboración cos galegos de América e co ridículo do gobernador civil logo do discurso en galego de Otero Pedrayo, o 11 de novembro de 1949 diante do busto do escritor no Posío, e as outras actividades deste ano,  deberon ser un acicate importante para reafirmar a todos en que o único camiño posible e rendible era o da actividade cultural pública. 

Ademais, o traballo nestas iniciativas foi sempre moi plural e colaborativo, pois vemos as mesmas persoas participando en todas as iniciativas. Por exemplo, Del Riego, estará na fundación de Bibliófilos Gallegos e participará en 1949 no xurado que premiará a obra “Xente da Barreira” de Carballo Calero; ou estará presente, tamén, na constitución do Padroado Rosalía de Castro. 

No 1951 co inicio das publicacións por parte da editorial Galaxia, prodúcese un paso adiante en dotar ao vello galeguismo dun proxecto cultural orgánico impulsado polos que foran activos membros das mocidades –Piñeiro e Del Riego, como motores-- e coas simpatía e respaldo dos vellos -Otero, Risco, Cabanillas, Cuevillas, etc.- Deste xeito, durante uns anos conviviron apoiándose todas as iniciativas ata que, progresivamente, o núcleo galaxiano foi absorbendo e escurecendo despois, o traballo doutros ata o punto de que, se difundiu, de xeito interesado a idea de ser a editorial Galaxia a única e lexítima voz mantedora do impulso galeguista cultural da preguerra, asumindo así, perante as novas autoridades autonómicas unha interesante posición privilexiada na interlocución. 

Máxima homenaxe a don Paco, todo o merece. Pero tamén máximo recoñecemento aos que quedan á sombra das súas valoracións e lembranzas.

Te puede interesar