Opinión

As dúas primeiras gravacións en galego

Ata onde eu sei, as dúas primeiras gravacións comerciais que se fixeron de música galega foron feitas en 1904 e 1906. Voulles contar un pouco que é historia curiosa.

En Pontevedra funcionaba o precursor de todos os coros de Galicia, o Aires da Terra, que naceu en 1883 baixo o impulso, decisión e coñecemento de farmacéutico don Perfecto Feijóo; home moi coñecido e dono, entre outras cousas, do loro Ravachol, hoxe emblemática figura do Entroido pontevedrés. Pois o Perfecto, botando man das cancións recollidas por outro pontevedrés, José Ballesteros, e recollendo el mesmo outras letras e músicas polas aldeas, organizou o coro e durante uns vinte anos, promoveu a musica, canto e danza galegos. Hai fotos del con coroza ou tocando a zanfoña, palabra, por certo, seica emparentada con “sinfonía”. Ben, pois en 1904 viñeron desde Francia para gravar o Orfeón El Eco de Coruña e gravaron tamén o coro Aires da Terra, que se desprazou ata a capital do norte. Deste encontro xurdiron un par de discos de pizarra para gramófono -que poden escoitar no especial “lousas” do Consello da Cultura Galega- e que foron rescatados no seu centenario pola editorial Ouvirmos do amigo José Aldea. Música popular, ou sexa voz e cantos do pobo reinterpretados, claro, e cantados. Incluso cantaban cousas populares que hoxe serían impensables e avergoñan só de pensar como eran os antepasados das mulleres e homes de hoxe. Como aquel que dicía: “O home que por tal se teña, ten que ter un pau á porta, para lle bater á muller se o mira con cara torta”. En fin, hoxe ningún grupo por fiel á tradición que sexa, se atrevería a cantalo e prorrogar a ignominia desta estrofa, por moita cultura popular que fose. Pero o Perfecto Feijóo -o primeiro que deu entrada no coro a mulleres, por certo, en 1912- é recoñecido “antepasado común” de todos os coros, gaiteiros, zamfoñeiros e recolectores de folkore galego. 

A segunda gravación cáenos máis de preto ou máis lonxe, segundo se mire. Non era música tradicional, enxebre, senón culta. Non foi gravada en Galicia, senón en Nova York, tal que o día 2 de xullo de 1906. Pura voz acompañada de piano. Dun de Ribadavia, de Eladio Chao, de familia dos Chaos fotógrafos, dos ataúdes, dos políticos -como Eduardo Chao, ministro da I República, e de quen Curros Enríquez escribiu unha biogafía-. Pois este Eladio Chao era un barítono de moito prestixio internacional. En Nova York era profesor da Lankow’s Academy of Singing, depois foino da Academia Superior de Música de Colonia e, finalmente, volveu a Madrid onde exerceu e director artístico do Teatro Real de Madrid ata a súa morte, o 16 de decembro de 1951. E esta primeira gravación culta recolle a vella cantiga escrita polo rexionalista e fundador da RAG Salvador Golpe, “Meus amores” (Dous amores na vida gardarme fan:/ A patria y-o que adoro no meu fogar:/ A familia y-a terra onde nacín.../ ¡Sin eses dous amores Non sei vivir!/ Cando xa no meu peito non sinta amor,/ cando na miña terra non vexa o sol,/ ven morte, ven axiña cabo de min.../ ¡Que sin amor nin patria, non sei vivir!) coa música que lle puxo José Baldomir en 1897.

E pódena escoitar na Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos, onde hai a única copia do disco que coñezo. Se poñen en “san” Google “Meus amores library of congress” aí a teñen. Cousas do mundo moderno.

Te puede interesar