Opinión

Eleccións Ourense 2015: O PP

Lembremos. En 2011 o PP gañou as eleccións na cidade con 21.564 votos (un 37,84 % ) polo que obtivo 11 concelleiros, o que, nunha corporación de 27, non lle deu para gobernar. Nas eleccións anteriores, 2007, as primeiras da época post-Cabezas, obtivera 26.160 votos (un 42,25), trece concelleiros, pero o pacto do PSOE (16.428 votos e 8 concelleiros) e o BNG (12.253 votos e 6 concelleiros) puxéraos na oposición. O último goberno Cabezas, en 2003 fixérase coa última maioría absoluta do PP (14 concelleiros, 28.841 votos, 46,48%) fronte a un delabazado PSOE (12.187 votos, 6 concelleiros) e un BNG no seu punto álxido (15.165 votos e 7 concelleiros).

Ben. E que vai pasar en maio? Como evolucionará a abstención que foi do 38,45 en 2003, 37,83 en 2007, e 33,69 en 2011? A desafección e cabreo a maiores irá para aos que se absteñen ou a alternativas novas? Eu creo que uns e outros se contrarrestarán e que a abstención será aproximadamente igual. Os votos brancos, creo que se reducirán –hai máis oferta- e os nulos poden diminuír pola mesma razón. Ou sexa, sobre un 3 ou 4 %. E imos cos votos válidos. Para empezar, o PP vaise mover entre dúas tendencias. Unha á baixa por verse arrastrado pola inercia xeral dominante, efecto do ruído da crise e dos casos de corrupción que lles afectan, e outra á alza polo visible comezo da saída da crise e polo esgotamento dun modelo de goberno minoritario que paraliza a cidade. O que non ten dúbida, polas cifras sinaladas, é a maior fidelidade de voto PP que ás outras forzas e o beneficio expoñencial que lle producirá á súa candidatura, a atomización do voto á súa esquerda. O candidato Xesús Vázquez ten ao seu favor, ademais, non ter estado no salón de plenos anterior, nin no goberno nin na oposición, pois, consideramos, o descontento afectaba incluso ás forzas de oposición. Cada vez era máis frecuente oír: “non hai a quen votar”. A chegada de alguén de fóra pode traer os novos aires precisos. As claves do seu éxito ou fracaso estarán na consecución dun espazo electoral de referencia local, na proxección do candidato e na composición dunha lista que debería ser máis a da normalización tranquila da cidade que de puro partido. O seu interese será, creo, visualizar que aquí non se elixe entre Rajoy, Sánchez, Iglesias, etc. senón a xestión eficaz do poder máis próximo. Ten tamén ao seu favor Xesús Vázquez a situación interna do partido: unido e cohesionado nestas eleccións, moi dividido nas anteriores, e a dolorosa fractura interna do PSOE, o esfarelamento nacionalista e o xurdimento de novas alternativas, todos a repartir o espazo non PP. Ademais, creo, debería facer un discurso en positivo. Non viría a nada –e non o vexo co talante do candidato- centrar as súas intervencións no escuro que está o túnel senón na luz da saída. A imaxe de cidadán próximo e amable pode contrarrestar o ter estado no foco das políticas antirrecortes, que, por outra parte, sospeito son mellor entendidas do que presenta o ruído mediático. Tamén, o ser a única alternativa con posibilidades de maioría absoluta, debería atraer votos. En calquera caso, creo que Xesús vai ser o alcalde. Ou por maioría absoluta –menos difícil do que pensa- ou simple, pola imposibilidade práctica dun acordo entre todos os demais: PSOE, DO, Ourense en Común e BNG. Se o PP sacase o mesmo, 21.564, bastante probable, creo, cunha nova correlación máis dividida dos demais, serían 14 concelleiros. Pode.

Te puede interesar