Opinión

Elena Borbón e Alberto Núñez

Con Elena Borbón Grecia (Madrid, 1963) España foi moi inxusta. Desde que seu pai, un pobriño rapaz entregado polo seu avó a un ditador por uns xogos de tronos que nin entendía, desde que Juan Carlos, digo, se reproduciu con Sofía, empezouse a difundir interesadamente a lenda de ser a fila primoxénita medio parva. E non era, obviamente, unha invención inocente. A difusión desa suposta limitación tiña por obxecto achanzar o camiño á supremacía do varón na sucesión; algo, se cadra, fóra do pensamento do pai, pero non así da camarilla que o rodeaba, e por iso apareceu recollida na Constitución. E a esquerda e feminismo daqueles anos, por inercia, non entrou, nin debía, nunha cuestión sucesoria que se vía lonxe e, incluso cadra, improbable. E como un dos máis ofensivos argumentos para indicar a limitación da moza, dicíase que “só” estudara Maxisterio. 

E como nos demostra a historia, ten unha personalidade moi de seu. Cando lle tivo que dar unha patada ao home, deulla; aínda que lle encarreirase mal os fillos, o Frolián e a Federica. E cando lle pareceu mal que a familia deixase abandonado e estigmatizado ao vello pai en Abu Dabi, ela mantén trato e relacións. Marca territorio. Porque si, non se pode deixar a un pai vellote, nin asasino que fose, abandonado nunha gaiola, por moi de ouro que sexa. 

E que pinta aquí Alberto Núñez? Pois que nestes tempos tan avoltos e crispados, unha liña de ataque contra o dos Peares é crearlle, desde as redes e moitos os medios, semellante identidade, a de medio parvo. Obviamente non ten a planta nin a locuacidade políglota de Pedro Sánchez. Pero tamén falaba mellor o Mario, o charlatán de cando a feira nos Remedios, ca o don Magín, meu profe no Curros Enríquez, alá por 1967 ou 68. E máis don de linguas ten calquera camareiro da Torremolinos e non se promociona por elo. E non é menos certo que estes tempos da imaxe e da “chispa” como único elemento de referencia son minusvaloradores das capacidades, en xeral. Rajoy podíase liar e falar de alcaldes que nomeasen cidadáns, e todos rimos, pero iso non lle impediu non ceder á presión de todas as forzas económicas e políticas de España que pedían o rescate de Europa ou vender as caixas galegas aos cataláns. E Alberto Núñez pode enganarse, como calquera pobre político que ande arrastrado de aquí para alá, por traballo e, pode, claro, coma todos e falar en Badajoz de Andalucía, ou de Kenia en Senegal, como fixo Sánchez. Que difícil que che estean gravando todas e cada unha das palabras que pronuncias en público e que non te cachen en lapsus linguae. Malo. Non serías humano.

Ou sexa, que creo que sería bo facer unha campaña “europea”, se se me permite a expresión, que puidese posibilitar, con normalidade, e como acaba de pasar en Berlín, un goberno de coalición municipal entre o SPD e a CDU. E non digo que sexa conveniente ou útil, senón que como cultura política do respecto e bo facer merece ser tida como guía. 

Os cidadáns non deben ser encirrados coma cans. Pode haber ideas diverxentes, moi diverxentes, pero debe primar o respecto. Ou sexa que nin Bildu é ETA nin Vox é Franco, nin o PSOE responsable, por exemplo, do feito por Agapito García, da checa do Palacio dos Condes de Rincón e cuxa fuxida de España cun tesouro froito dos seus excesos foi denunciada polos republicanos ás autoridades franquistas, para que por eles axustasen contas, como así foi. En fin, as cousa de historiadores, por tráxicas ou rocambolescas, aos historiadores. Os políticos, que arranxen os problemas de hoxe, que os de onte, nin coa máquina do tempo. 

Así, que por favor, calma, boa vontade, e partamos de que todos queren o mellor para o país.

Te puede interesar