Opinión

ELIMINAMOS AS FACULTADES DE HISTORIA?

Oín unha vez a explicación máxima dun tema que non lembro na que unha persoa de escasa formación pero con enorme capacidade de análise e síntese, argüía: “Unha cousa é unha cousa e outra cousa é outra cousa”. Pero esa tradicional distinción entre “as cousas”, parece que se esvae nunha sociedade contemporánea que eliminou, por sorte, moitas países, razas, clases sociais, artes... Pero tamén hai unha confluencia moi negativa: entre as valoracións do saber e a ignorancia e entre as funcións das institucións. E isto é o que me leva a min a cuestionar a conveniencia da continuación das Facultades de Historia no mundo. Para que? Porque unha cousa é un Parlamento, para a RAG “Asemblea dos representantes do pobo, formada por unha ou dúas cámaras, que se encarga de redactar as leis e de controlar a acción do goberno”, e outra unha Facultade (“Centro universitario onde se cursan estudos superiores non técnicos”) de Historia (“Ciencia que estuda o conxunto dos feitos ocorridos no pasado, que afectan toda a humanidade, un grupo, unha persoa, unha institución, unha faceta concreta dese pasado etc.”).

E isto ben a conto de que uns políticos de moita menos formación humanística á dos tempos dos cultos Tamames, Tierno, Guerra, Fraga, Roca, Beiras, Piñeiro, etc., danlle entrada como asuntos políticos a cousas que teñen que ver cos estudos de historia, coa acción dos xulgados ou con puras trangalladas. E en vez de reflexión sobre ideas, modelos e accións na xestión de Estado, só se está a salto de mata, seguindo a actualidade mediática (digamos a politización banal da polémica das Tanxugueiras, ou a xustísima necesidade de atención aos maiores na banca). Tamén se abrogan o papel da xuíces por unha banda e por outra de intérpretes solistas nas cuestións históricas.  Todo o que chega ao Parlamento, acaba en votación. E así, o espectáculo reducionista de todos mirar para o dedo en vez de para a lúa, está servido. A realidade, pouco importa, só o show bussiness.  Votemos, pois, a ver se a lúa é un satélite ou un queixo.  E se gaña queixo? Teremos que asumir que é un queixo? 

En fin, cando vexo o da comisión parlamentaria para investigación sobre os abusos por parte dalgúns cregos -que nunca, obviamente, da Igrexa Católica- non acabo de entender. Facemos outra comisión para ver os beneficios en forma de alfabetización e de acceso ao ensino das clases populares a través dos Seminarios  e de coidados sociais actuais das monxas aos velliños dos asilos ou no mundo das misións?  Investigamos os mortos da Praza de Touros de Badajoz? E os de Paracuellos? E os asasinatos do Furriolo? E os embalses franquistas? Derrubámolos? Todo disparates na liña. Se alguén quere denunciar un delito vixente, aí está a Xustiza.

Apoiemos as investigacións históricas pero non tratemos de facer “causas xerais” imposibles nin de utilizar vellas historias tratando de facer correlacións absurdas entre aquelas épocas e as nosas.  E cando vexo as iniciativas no Parlamento catalán sobre as bruxas, vítimas, seica, dun feminicidio, no século XVIII, abro a boca. Ata onde chegarán os Parlamentos marcha atrás?  Pedir perdón pola acelerada conversión de América da prehistoria ao renacemento nunha xeración? Que temos que ver nós con aqueles homes do século XV e XVI para ter que falar por eles? E a invasión romana que exterminou as “nosas” falas célticas... Quen nos pide perdón? E as invasións célticas que eliminaron os  “oestrimnios”, xentes do estremo oeste? E o sapiens sapiens que eliminou aos neandertais? A Xustiza para ser xusta e universal debería ser como a divina: eterna,  e xulgar desde o Big Bang.  En fin, se se dedicasen a arranxar máis do que destrozan -principalmente a convivencia- chegaba.   

Te puede interesar