Opinión

Eloxio da liberdade (electoral)

Debemos empezar a reformarnos. Si. Nós. Cada un de nós. Para asumir máis cotas de liberdade. Porque somos libres de decidir. Somos libres de actuar. Se eu voto este ou estoutro, é cousa só miña. É a miña responsabilidade. E debemos empezar a pensar que as eleccións non son o fútbol, no que un é do Barça ou do Madrid, do Celta ou do Depor, e mantén este apoio sempre e en todo lugar, con razón ou sen ela. Non. A política para os cidadáns do común, ou sexa, os que non vivimos dela, debe xirar ao redor da vontade de escoller aos que cremos mellores e máis eficaces en cada momento para a xestión da cousa pública. Sen máis. Algo, por suposto, moito máis importante e necesariamente dinámico e aberto que as filias e fobias deportivas. E no que as nosas opinións non só importan, senón que en puridade son o único que importa, pois é a forma de decidirmos en común que temos nas democracias sociais avanzadas, como a nosa. Casillas o Keytor na portería do Madrid? Que máis ten o que pensemos! Ancelotti non nos vai facer caso. Pero na xestión da sociedade si. As eleccións son para que os individuos maduros reflexionen sobre a condución e recondución dos seus votos en cada momento, para que decidan coas súas maiorías, os posibles cambios de tendencia que queremos. E debemos exercer tan altísima responsabilidade como se o resultado dependese de cada un de nós. Debemos mimar e administrar ese voto como a xoia máis valiosa que temos os cidadáns, pois é a única forma de decidirmos quen queremos ver ao cargo da máxima responsabilidades do ser colectivo. E o noso voto debe ser como o noso diñeiro: antes de gastalo, debemos pensalo ben. Debemos ver o que hai no mercado ao noso alcance, o resultado que dá, e investilo da mellor forma de acordo coa utilidade social que nos convoca. Debemos escoller bos administradores para a nosa grande comunidade de veciños, máis alá das siglas onde se acubillen.

Ou sexa se vostede votou nas anterior ao PP e pensa que Vázquez Barquero, coa súa experiencia de goberno e liberado de pachistas, o pode facer mellor que ninguén, vóteo con liberdade. E se vostede votou nas anteriores ao PSOE e cre que Xesús Vázquez é mellor opción hoxe para un goberno cohesionado e posible, pois vote ao PP coa mesma liberdade. Nada impide estes cambios, inda máis: son esenciais para que a democracia viva e non sexa un fósil. É a esencia e práctica da súa liberdade, incluso diría unha forma para vivir máis libre. Fóra, pois inmobilismos e minusvaloración do voto. A idea de “bah, só é unha papeleta e non vai decidir” é un falsidade. Porque para vostede é o único. E debemos liberarnos do pensamento escravo dos xuízos “ad hominen” ao que somos tan proclives en España, ese que nos leva a xulgar as medidas en función de quen as tome e a votar sen pensar tanto na eficacia dos gobernos como en opinións preconcibidas. Libérese, pondere e vote. Por moito que llo vaian pedir todos, o voto é só seu. E vostede ten toda a responsabilidade sobre el. E igual que o seu diñeiro, ten que ser útil para a súa vida e a de todos nós. E o seu gran capital.

Te puede interesar