Opinión

Para entender o de Kiev

Se lles é malo de entender, non lles conto de resolver. Aínda así, voulles tratar de dar algunhas claves para que comprendan o que alí pasa pero, claro, lonxe estou de saber como vai acabar a cousa.
 

Para nós, rusos e ucranianos son xente moi parecida: eslavos, ortodoxos, usan alfabeto cirílico, fan cúpulas en forma de cebola nas igrexas e teñen un frío do demo no inverno. Pero rifar, rífase co veciño e non cun de lonxe.

Ademais nós estamos afeitos a fronteiras fixas. Desde o século XIII a hoxe raia hispano-portuguesa só se moveu un pouquichiño en 1801 cando España colleu Olivença e despois cando se partiu o Couto Mixto. Pero en Europa oriental deulles sempre por andar movendo marcos. Tanto que hai anciáns que sen se mover da casa, cambiaron catro ou cinco veces de pasaporte. E naquelas chairas vivían rusos, ucranianos, alemáns, polacos, xudeus, tártaros, búlgaros, etc. entrefrebados, con aldeas, ás veces, exclusivas dunha ou outra etnia, pero sen mesturarse. Así, a chaira ucraína desde a idade media se debateu entre tres atraccións: o imperio ruso, o austrohúngaro e o mundo polaco e lituano. A rexión da Galicia de alá –de onde era o papa Xoán Paulo II e hoxe dividida entre Polonia e Ucraína- foi un dos corredores desa occidentalización centroeuropea. O caso é que chegada a Primeira Guerra Mundial, co territorio partido entre rusos e austríacos, a uns ucranianos tocoulles pelexar dunha parte e a outros doutra. E cando en Rusia triunfou a revolución, o que fora exército ucraniano-proaustríaco, integrouse no perdedor exército branco antirrevolucionario, e aquela terra acabou dividida entre Polonia e Rusia.

Na parte absorbida pola URSS, Stalin tomou moi a mal ese apoio á contrarrevolución e provocou o Holodomor, ou xenocidio ucraniano. No inverno de 1932-33, seica morreron uns seis millóns de persoas por unha fame orixinada na incautación de terra e, de paso, castigaba aos “infieis” ucraínos. Algo que completou nos anos anteriores á II Guerra Mundial, cando eliminou, directamente, o 4/5 da elite cultural e incluso a tres cuartos da cúpula do exército vermello local, coa elástica disculpa de seren contrarevolucionarios. Unhas seiscentas mil persoas máis. Seica.

Así que é fácil imaxinar que cando chegaron os alemáns na II Guerra Mundial foron, nalgúns sitios, recibidos como “liberadores”. E como pasa en moitas guerras –tipo Siria- hai un rebumbio a tres: milicias ucranianas pronazis e tártaros que exterminan xudeus e rusos soviéticos, ucraínos integrados no exército roxo que combaten nazis e aliados ucraínos, e guerrilleiros independentistas que combaten a todos. Así que, ao acabar a guerra, máis pau. Stalin desterrou aos tártaros de Crimea por pro-alemáns ao centro de Asia, encheu Crimea de rusos e pasoulla a Ucraína, co que se rusificaba máis o leste, mineiro e mimado, fronte ao oeste, máis agrícola, cos ollos máis postos en Europa.

A verdade é que Ucraína ten moito nome, moita terra, moita xente, algunha historia… pero nunca tivo unha historia politica normalizada. A “madre Rusia” que abandonou aos rusófonos do Báltico, fará o mesmo cos de Ucraína? Tratará de dividir o país? Calará con medo do contaxio? O único positivo, de momento, é o silencio do exército. Menos mal. Xa iremos vendo.

Te puede interesar