Opinión

Entre a política e a historia

Opinión

Entre a política e a historia

Saiban vostedes que cando chegou a democracia había en España sobre 800 persoas que superaban os cen anos e hoxe, uns corenta anos despois, di o INE, 16.118; o que antes era unha rareza, non o é xa. E isto fala ben de nós. De todos. Dunha sociedade agarimosa, -se un non se sente ben neste mundo déixase marchar para o outro-, de boa xenética, de bos hábitos e boa sanidade. Temos sorte de vivir aquí. En calquera caso, eses centenarios supoñen por xunto só o 0,03% da poboación española. (Por certo, en Ourense, terceira provincia con procentualmente máis centenarios, dobra ese tanto por cento ata o 0,062 %). E deles, ben máis das tres cuartas partes son, como saben, mulleres. 

E lembro o dos centenarios porque acabo de oír dunha influente moza nacida en 1979, pouco formada e de pouca experiencia laboral pero ben situada na cousa política, que seica van lexislar urxentemente sobre a opinión do que empezou a pasar nas terras hispánicas hai 84 anos. Si. Algo que lembran ben ese 0’03 por cento da poboación que cando se iniciou a guerra tiñan 16 anos. E con bastante dificultade, ese un e pico por cento que teñen máis de 90 anos.

Eu, persoalmente creo que como é cousa de tempos tan recuados, é tema de historiadores, nunca de políticos e menos, de lexisladores. E así mo confirma o feito de que os historiadores máis prestixiosos do tema -falo dos extraordinarios e completísimos traballos de Julio Prada para Ourense, por exemplo- son os máis ecuánimes e obxectivos, o que en absoluto quere dicir neutrais ou indiferentes ao sufrimento das vítimas.

E si. E convén saber algo máis que consignas e simplezas repetidas en foros políticos de escaso nivel. O descoñecemento da historia, dise, leva a repetila. E se pensamos que só Franco foi o culpable daquel disparate que encheu España de sangue e dor, imos por mal camiño. Podería alguén dicir, por exemplo, coa nova lei, que o abxecto crime da praza de touros de Badajoz tivo paralelos en Paracuellos e nos cometidos nas 200 chekas de Madrid? Poderíamos dicir que o bombardeo asasino dos alemáns, aliados de Franco, en Guernika tivo eco na matanza de presos nacionais nos barcos-cárceres de Bilbao? Poderiamos falar do “Pacto de Santoña” polo que o PNV abandona a República e pacta a rendición de Euskadi? Podemos dicir que Franco parou á aviación italiana que quería masacrar as columnas de republicanos que se dirixían de Barcelona á fronteira francesa para non repetir o crime dos seus na “desbandá” da estrada de Málaga a Almería nos inicios da guerra? Poderíamos dicir que a Alemaña de Hitler axudou militarmente á república, -idea de H. Goering- seica, vendéndolles armas despois de que Franco rompera a zona republicana en dúas metades, en abril de 1938, porque lles interesaba máis sacarlles cartos aos dous bandos que acabar a guerra?

Que Franco fose o desgraciado que gañou a guerra, non fai bos aos desgraciados que había entre os que a perderon. E diso, en liberdade, deben tratar os historiadores, non os políticos. Nunca. Nada poden eles, nin nós, aprender daquela época avolta e horrorosa, e si, por suposto, da vontade de concordia da que naceu transición. É de lei dicilo. Creo.