Opinión

De escudos (levando a contraria, claro)

AFONSO VÁZQUEZ-MONXARDÍN C003ompráceme que retirasen o escudo da Subdelegación do Goberno por razóns estéticas -o da ‘carracha’ nunca me gustou- e económicas, pois en tempos de crise son boas medidas para dinamizar, se quer modestamente e a custa do peto público, o choio da construción que seica anda mal. Hai que darlle emprego e traballo a canteiros, gruístas, operarios... Pero fóra disto, paréceme bastante discutible.


Primeiro, porque nin tiña conciencia de que alí houbese escudo ningún e, cando saiu a noticia, xa estaban os andamios e non me deu tempo de botarlle un ollo ao vello antes da súa defunción.


Segundo, porque non estou tan convencido da utilidade das dannatio memoriae (iso da dannatio memoriae saben os cultos lectores que era unha condena que ditaba o Senado romano pola que se procedía a eliminar todo canto recordase ao condenado: imaxes, monumentos, inscricións e mesmo se chegaba á prohibición de usar o seu nome). ¿Emperadores que a sufriran? Pois Nerón, Calígula, Maximiano, Valerio... e así, ata trinta. Ao ‘padrao dos povos’, ese fermoso miliario votivo que está sobre a ponte do río Támega no centro urbano de Chaves, fáltanlle renglóns por seren borrados para suprimir a memoria dalgún destes emperadores. Menos mal que non todo o mundo foi tan escrupuloso e aínda conservamos noticias e estatuas deles. Eu creo que todo, en demasía, incluso a prudencia, é negativo. Vexan a hixiene. Ser é boa pero o exceso produce alerxias e seica baixa as defensas.


E terceiro, porque non estou seguro -alucinen- da existencia dun ‘escudo franquista’.


O que oficializou o tipiño de Ferrol, en 1938, era o dos Reis Católicos co lóxico cambio do cuartel das Dúas Sicilias -onde elas ían- polo do Reino de Navarra, engadíndolle as columnas de Hércules do Plus Ultra que viña xa desde os Austrias e póndolle, iso si, unhabufanda facha no paxarraco co lema de ‘Una, grande y libre’ en vez do tradicional ‘Tanto monta’. Deixoulle, claro, o xugo e as frechas que alí campaban desde o século XV. En 1945, tal que o 11 de outubro, aprobaron unha reforma dermo-estética dos ombreiros do paxarraco -como con dúas siliconas- e fixéronlle lifting ás columnas. E por fin, señores, o 21 de xaneiro de 1977, xa Franco ben comesto, o paxariño sacou de bufanda e acolleu nas alas abertas as columnas famosas, ata que o 5 de outubro de 1981 aprobouse o actual. Ou sexa, o feo escudo dos Reis Católicos, coñeceu varias versións, un par delas, efectivamente, retocadas por Franco e outra xa en plena transición que foi, lémbreno, o primeiro escudo da democracia (1977-1981) e sobre o que se xurou a Constitución. E eu pregúntome, ¿se sacan ese por antihistórico deberían deixar logo o de Facenda, Banco de España ou Praza de Abastos todos eles preconstitucionais e aínda máis vellos? Creo que si. Deben quedar. Hixiene, dicía, si -nomes de rúas, escudos agresivos como o do Pazo de Xustiza- pero o resto, deixar todo en paz.


Para poder vivir a historia nas pedras de Ourense e beber nas fontes fachas das aldeas case despoboadas. Ese si é un problema.



Te puede interesar