Opinión

Os espazos de Carlos Casares

Coa dedicatoria das Letras Galegas a Carlos Casares xorde a cuestión de onde celebrar os actos centrais e da súa relación cos espazos físicos de Galicia. Na miña modesta opinión, cómpre harmorizar as vontades e lograr que os esforzos conflúan e se unan nunha festa querida por todos, e sen entrar en competencias pequeniñas.

Carlos Casares naceu en Ourense aínda que ás veces se diga Xinzo. Naceu na casa familiar, no vello edificio que estaba na confluencia de Cardeal Quevedo e da Avenida da Habana. Por parte da nai -os Mouriño- eran das terras de Celanova; por parte de pai -os Casares- tiñan raíces na Limia -en Sabucedo, Lamas e Xinzo - onde seu pai, ademais, exerceu a docencia. As vivencias rurais, tamén de aprendizaxe da lingua e de integración do mundo da narrativa oral, vénlle da Limia. Tamén, de Castro de Beiro, por medio do seu tío cura, crego naquela parroquia, que visitaba con frecuencia e onde chegou a casar nunha curiosa cerimonia na que a noiva non entendeu unha palabra -Cristina, sueca, aínda non falaba nada do de aquí-, e da que, ata onde eu sei, non hai foto porque a Blanco Amor, convidado e fotógrafo, derramóuselle o carrete. En calquera caso, a súa cidade de referencia é Ourense. Aquí nace e pasa uns anos. Aquí estuda no Seminario. Aquí acaba o bacharelato no Instituto. Aquí coñece as tertulias de Risco, visita a Otero, gaña os seus primeiros concursos literarios, colabora por primeira vez en La Región, anda cos “artistiñas”. Aquí volve cando estuda como todos daquela, en Santiago. As voltas da vida levarano a Viana, logo ao País Vasco, a Cangas, e logo vincúlase ás terras de Vigo, tanto pola docencia como pola editorial Galaxia. Comprou casiña en Vilariño, xusto no enlace da autopista en Gondomar e nesas terras do Miñor viviu, creo, dos mellores anos da súa vida. Ve medrar os fillos, charla con Torrente Ballester en Baiona, pasea por Panxón... a parte sosegada da vida onde repousaba da voráxine viaxeira a onde o levaban os compromisos de editor, de escritor, de Presidente do Consello da Cultura Galega.

Carlos sempre quixo Ourense de forma especial, o Paseo, os vellos amigos, e sempre os cidadáns de Ourense, apreciaron de forma especial a Carlos. Digo os cidadáns porque a nivel de autoridades, incriblemente, non leva tido ningún recoñecemento, nin título, nin espazo dedicado á súa memoria -rúa, praza, paseo- nin estatua, nin nada; e iso que hai ducias por Galicia adiante. Pero ten o cariño da sociedade civil. Lembro o éxito da primeira cea que organizaramos no Clube Alexandre Bóveda na que o homenaxeamos a el, baixo o discreto epígrafe -que tanto lle gustara- de “De Cea con Carlos Casares”, en 1994. Logo a Fundación Curros Enríquez deulle o premio Celanova Casa dos poetas, en 1995; e o Liceo nomeouno Socio de Honra en 1998... O Concello de Ourense, debe aproveitar este 2017 para sumar o seu cariño ao dos cidadáns.

En fin, haberá moitos actos. Supoño que Galaxia e Consello da Cultura farán os seus, pero eu creo que o acto central da RAG debe ser feito en Ourense, cidade central do seu universo de creación e ensaio; no Paraninfo do Instituto e con actividades tamén, no Liceo. Sen dúbida, en Xinzo, a RAG e a Xunta deben facer algún tipo de actividade importante -inauguración dunha exposición central itinerante, charlas ad hoc, etc.- pola vinculación citada e polo cariño mutuo e polo interese que levan amosado as súas autoridades e veciños.

En Gondomar, en Nigrán, en Baiona, en Vigo, en Castro de Beiro, en Cangas, Viana do Bolo, deberían os concellos preparar actos específicos na súa lembranza, festivos e de irmandade, en coordinación coa RAG e coa Fundación Carlos Casares. Creo eu.

Te puede interesar